Branca, en Vigo, e Lía, na Coruña, dos primeiros bebés en inmunizarse contra o VRS
Branca, en Vigo, e Lía, na Coruña, dos primeiros bebés en inmunizarse contra o VRS
Os bebés galegos reciben desde hoxe e desde o seu primeiro día de vida un anticorpo que os vai protexer contra o virus causante da bronquiolite
Prevese reducir entre un 70 e un 80 por cento os ingresos hospitalarios dos bebés
A campaña de vacinación conxunta da covid e a gripe xa está en marcha
Acabadas de nacer, con só 24 horas de vida, Branca, en Vigo, e Lía, na Coruña, foron os primeiros bebés inmunizados contra o virus respitario sincitial. Un anticorpo que as protexe de forma inmediata contra a posibilidade de ter síntomas graves se se contaxian.
"É unha soa dose, intramuscular, sabemos que é segura e cunha eficacia moi alta. Esperamos evitar entre o 70-80% nas hospitalizacións por este virus", explica Federico Martinón, asesor de vacinas da OMS.
"E case sen efectos secundarios. Só un pequeno eritema ou unhas décimas e mesmo así son efectos pouco frecuentes", apunta Jerónimo Pardo, xefe do Servizo de Pediatría do Materno Infantil Teresa Herrera. Unha soa picada que evitar a gravidade da infección que empeza polos acabados de nacer.
"Galicia, o Sergas, foi o primeiro organismo sanitario a nivel mundial que tomou esta decisión e agora xa outros están seguindo os nosos pasos, afortunadamente. Faremos un proceso de captación nos nenos menores de seis meses que serán citados por mensaxería. Pero por se algún pai non recibe a mensaxe imos activar a autocita", declarou Xulio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.
Tomé e Carlota, nas súas primeiras horas de vida no Hospital en Santiago, e así os acabados de nacer en todos os hospitais de Galicia estrearon este 25 de setembro un proceso de inmunización dos lactantes que durará ata o 30 de marzo, cadrando co tempo de circulación do virus.
Para previr os contaxios aconséllase lavado frecuente de mans, xoguetes, roupa de casa e superficies e tamén reducir os bicos e abrazos das vistas aos lactantes.