Publicador de contidos
Publicador de contidos

A vacina contra a tuberculose desenvolvida no Porriño inicia a fase de ensaio clínico

A vacina contra a tuberculose desenvolvida no Porriño inicia a fase de ensaio clínico

O fármaco vaise probar en poboación adulta e adolescente

Este domingo celébrase o día mundial desta enfermidade

G24.gal 24/03/2024 12:25 Última actualización 24/03/2024 14:06

A vacina contra a tuberculose desenvolvida no Porriño inicia a fase de ensaios clínicos. O fármaco de Biofabri, do grupo vigués Zendal, vai probarse na India que é o país con maior incidencia desta enfermidade infecciosa, que mata anualmente 1,6 millóns de persoas no mundo. 

A vacina galega testarase en adultos e adolescentes, para os que non existe actualmente ningunha outra. Vaise estudar tamén se ten unha eficacia e duración maior que a que xa se aplica aos bebés.

O ensaio está liderado polo Goberno indio e a compañía privada BHARAT BIOTECH, baixo a colaboración da biofarmacéutica galega, que se encarga do desenvolvemento industrial do fármaco.

Tendencia á baixa en Galicia

Galicia mantén unha tendencia descendente da situación epidemiolóxica da tuberculose cun total de 308 casos en 2022 -unha incidencia de 11,4 por 100.000 habitantes- que se prevé que continúe durante 2023, tras unha diminución máis ou menos anual do 6,8 %.

Segundo informa a Consellería de Sanidade, co gallo da celebración este domingo do día mundial da tuberculose, o número de casos en Galicia descendeu con respecto a 1996, cando se implantou o programa galego de control desta enfermidade.

En case tres décadas, baixou un 84,3 %, ao pasar de 1.963 a 308, e os datos provisionais de 2023 reflicten a continuidade desa tendencia descendente.

A maior parte dos casos diagnosticáronse en pacientes autóctonos, sobre todo en idades cada vez máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, en especial aquelas que afectan o sistema inmune.

Os pacientes nados fóra de España van progresivamente en aumento e de xeito constante. De feito, o número de casos importados foi no 2022 o máis alto da serie.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade