A veda da centola comeza este sábado
A veda da centola comeza este sábado
O balance da campaña é positivo, especialmente polos meses de novembro e decembro, nos que se capturaron o triplo de exemplares que nos seis meses restantes
A Xunta acordou que a próxima campaña comezará o 10 de novembro, nunha data intermedia respecto ao que querían pontevedreses e coruñeses
Os amantes da centola das Rías Baixas terán que aproveitar esta semana, xa que o sábado entra en veda ata o mes de novembro. No principal porto centoleiro, o do Grove, fan balance moi positivo da campaña. É das poucas especies que está aguantando as consecuencias do cambio climático.
A campaña da centola entra na recta final. De feito, boa parte dos barcos xa están amarrados e os aparellos en terra. Desde novembro do ano pasado, entraron á lonxa do Grove máis de 65.000 quilos. A facturación, por riba do millón cen mil euros.
Aínda que os barcos collen as últimas centolas, o forte da campaña foi en novembro e en decembro. Só neses dous meses, capturaron o triplo de exemplares ca en todo o que vai deste ano. E en cartos, outro tanto: en novembro e decembro, 750.000 euros. Nestes seis meses de 2024, menos de 350.000.
Agora, xa pensan na próxima campaña. En Pontevedra querían empezar o 3 de novembro, pero, como na Coruña querían empezar o 17, a Xunta acordou que fose o 10, algo que non contenta nin aos coruñeses nin aos pontevedreses.