Á venda o roscón da Pascua das Salesas de Lugo
Á venda o roscón da Pascua das Salesas de Lugo
Especializáronse en elaborar doces artesanais sen colorantes nin conservantes
Tímidas, simpáticas, agradables e moi boas pasteleiras son algúns dos adxectivos que poderiamos empregar coas Salesas de Lugo, unha congregación que ten presenza nesta cidade dende hai 124 anos e que estes últimos cinco está especializándose en elaborar unha pastelería completamente artesá, sen aditivos, nin conservantes nin colorantes.
"Tamén hai que coidar a saúde dos demais".
Ademais, respectan sempre os tempos de levedo.
"Se por exemplo facemos roscón, ten que pedilo 24 horas antes, porque ten un proceso de 24 horas, porque o lévedo ten que desfacerse", explica a irmá María Virginia, do Convento das Salesas de Lugo.
Ademais do roscón da Pascua, nestas datas elaboran brioches e rosca milfollas. No Nadal fan tronco ou roscón de reis; no Entroido, flores, filloas ou orellas, e de forma permanente ofrecen galletas de limón, estrelas ou pastelón de mazá. Hai dous segredos para os doces que elaborar: facelos con pouco azucre e rezar no obradoiro.
"Se tarda moito tempo, adoitamos rezar os catro misterios", conta a irmá María Virginia.
Coa venda destas larpeiradas axúdanse para saír adiante as oito monxas que viven no convento: catro de Kenya, unha de Burundi e tres españolas que superan os oitenta anos.
"Para ter algo para sobrevivir, porque a pensión que temos é de moi pouco, soamente para catro irmás maiores", asegura a Irmá Mary, superiora do Convento das Salesas de Lugo
Para non derramar a comida admiten pedidos polo Facebook e a través do teléfono. Tamén se pode encargar no propio convento, que malia a clausura abre todos os días ao público para a misa, as vésperas ou a adoración dos primeiros venres de cada mes.