Publicador de contidos
Publicador de contidos

A vendima na D. O. Rías Baixas está a piques de rematar con bos resultados

A vendima na D. O. Rías Baixas está a piques de rematar con bos resultados

A previsión é que as adegas da D. O. Rías Baixas recollan 41 millóns de quilos de uva.

G24.gal 17/09/2022 16:13 Última actualización 17/09/2022 16:28

É unha fin de semana de moita actividade nas adegas da denominación de orixe Rías Baixas. Nesta de Cambados están a piques de rematar a vendima.

“Nestes momentos estamos case rematando a vendima. Fíxose en dúas etapas: unha antes das choivas e outra despois. O estado sanitario da uva é moi bo, xa que houbo unha primavera bastante húmida e creceu ben a viña, e despois veu un verán seco, explica o viticultor Manuel Costa.

Na subzona do Salnés superaron xa os 18 millóns de quilos de uva recollidos. Din que foi unha boa colleita e que as últimas choivas resultaron moi beneficiosas.

“Eu cualificaría como unha boa anada, o viño aínda hai que facelo pero a uva é boa e a auga foi o mellor que puido vir antes da vendima. Creo que van saír bos viños”, explica Manuel Costa.

O que lles preocupa é o incremento dos custos de produción, con importantes subas no prezo do vidro e do cartón.

"Subas do 60 por cento no vidro e do 30 ou 40 por cento no cartón. Iso é insostible para manter unha regularidade no prezo", asegura Sonia Costa, enóloga da Adega Lagar de Costa

No conxunto da D. O. Rías Baixas agardan recoller 41 millóns de quilos de uva. A previsión é que arredor do 95 por cento quede xa apañado esta fin de semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade