Case o 15 % das aldeas da provincia de Ourense teñen menos de cinco veciños
Case o 15 % das aldeas da provincia de Ourense teñen menos de cinco veciños
Na provincia de Ourense hai 164 núcleos abandonados
Castro Caldelas e O Irixo son os concellos máis afectados
Como todos os días, Augusto colle verzas na horta da súa casa para dárllelas as pitas que son o gando que lle queda logo de vender as vacas hai anos. El é un dos dous veciños que viven todo o ano neste lugar de Cacidrón, en Castro Caldelas.
Fora do verán, é moi raro que haxa visitas na aldea e a ocasión ben merece probar o viño novo da ribeira que este gandeiro xubilado ten a uns dez quilómetros e a que acode case a diario. Unha vida rutinaria e tranquila pero tamén moi solitaria.
45 lugares de Castro Caldelas teñen menos de cinco habitantes e a meirande parte son de idade avanzada polo que para o concello é unha preocupación constante que estean atendidos e non lles falte nada do básico.
Que o frío dea paso a chuvia, que as vacas do lugar lindeiro cambien de prado ou a simple visita do panadeiro son acontecementos nestes lugares xa case abandonados.