A volta ciclista enche os hoteis das vilas polas que pasa
A volta ciclista enche os hoteis das vilas polas que pasa
Nesta edición discorren por terras galegas catro etapas
O organización do evento mobiliza a diario unhas 3.000 persoas
A volta a España volve ter unha cita coa cidade de Lugo. Os ciclistas xunto cos membros do seu equipo, a organización e os medios de comunicación compoñen unha poboación rodante que ateiga os hoteis das vilas das que parten as diferentes etapas.
Nun hotel de Lugo pernoitarán os membros de tres equipos, que suman un total de 60 cuartos.
"É o evento máis grande que pode vir e o que máis repercusión ten. Nós estamos os dous días completos con equipos ciclistas. Favorécenos a localización do hotel, porque cada día os equipos necesitan máis espazo", conta Héctor Castro, director do Hotel Santiago.
A volta mobiliza a diario unhas 3.000 persoas vinculadas coa organización do evento, e iso fai que os hoteis teñan que colgar o cartel de completo. Entre o elenco que compoñen os hóspedes destacan os ciclistas, pero non falta detalle. Mobilizan no seu equipo dende masaxistas ata cociñeiros.
"Estamos encantados de ser fogar dun evento coma este. A nosa ocupación é do 100 % para eses días e tivemos máis peticións, pero xa non as puidemos coller. Os equipos teñen todos os servizos contratados, pero tamén traen o seu propio cociñeiro para atender algún dos equipos", sinala Marta Lozano, do Hotel Forum Ceao.
A organización do evento e a chegada de afeccionados fai que o impacto económico se note tamén nos establecementos de hostalería e os comercios.
A volta xera tamén un impacto mediático, convértese nun escaparate para todas as vilas polas que atravesa a carreira, unhas imaxes que chegan a millóns de persoas.