A Xunta advirte da produción que se perderá ao apagar parcialmente As Pontes
A Xunta advirte da produción que se perderá ao apagar parcialmente As Pontes
Endesa asegura a potencia que se perde será substituida por renovables
Galicia perderá a curto prazo 700 megawatts co apagamento de dous dos catro grupos da térmica das Pontes. O dato dábao esta mañá o vicepresidente económico da Xunta durante a visita que están a facer en Galicia un grupo de europarlamentarios, para coñecer como están a aplicar as empresas galegas os plans de transición enerxética.
Na súa segunda xornada da visita, a delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo fixo parada na central térmica de Endesa nas Pontes. Queren coñecer de primeira man as apostas da empresa por acadar obxectivos ambientais e, sobre todo, os plans de futuro.
E todo isto só un día despois de confirmar o Goberno o mantemento temporal de dous dos grupos da central.
A visita da comisión do Parlamento Europeo á central térmica das Pontes prodúcese tras o anuncio do Goberno do peche parcial da planta. Das catro unidades, só dúas seguirán funcionando. Canto tempo é o que aínda non se sabe. Vai depender das necesidades enerxéticas.
"Polo que están dando a entender sería para pasar o inverno, ata a o verán e ata agora o que estabamos a falar era de mes a mes, tanto para o persoal das auxiliares como o de Endesa", di José Manuel Seixido, secretario do comité de empresa de Endesa.
"Manter vivo unha tempada unha parte do complexo paréceme un mínimo imprescindible o ideal sería o mantemento de toda a potencia", asegura Valentín González Formoso, aldalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña.
Endesa insiste en que o seu futuro vai seguir ligado ás Pontes cun plan que pasa pola "substitución de 1.400 megawatts de carbón das Pontes por 1.500 MW renovables e incluirá ademais o plan de desmantelamento da central e a instalación de novos proxectos industriais na contorna da térmica", explicou Miguel Temboury, director xeral de Endesa Noroeste.
O Goberno galego pide concretar prazos. "Necesitamos certezas por parte de Endesa para que concrete con prazos, cronogramas, para ver como se vai abordar ese proceso e eses investimento que anunciaron", esixiu o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde.
Proxectos futuros que hoxe puideron coñecer xa os europarlamentarios que esta tarde se desprazarán ata San Cibrao para visitar o complexo industrial de Alcoa.