A Xunta critica que o Goberno non financie ningún proxecto galego de hidróxeno verde
A Xunta critica que o Goberno non financie ningún proxecto galego de hidróxeno verde
Francisco Conde reclama a construción do hidroxenoduto Lugo-Zamora, a vía de conexión de Galicia co resto de Europa
O vicepresidente primeiro da Xunta alerta de que Galicia quedaría como unha "illa enerxética" se non se leva a cabo a construción do hidroxenoduto entre Lugo e Zamora e acusa o Goberno de deixar a comunidade fóra do corredor de hidróxeno.
Francisco Conde criticou ademais que o Executivo non subvencione ningún proxecto de hidróxeno galego que aspira aos fondos europeos, tal e como acaba de facer con catro proxectos que se desenvolverán en Madrid, Barcelona, Sevilla, Valladolid e noutros puntos das comunidades autónomas de Asturias, Navarra e País Vasco.
O Goberno remite a Bruxelas a súa proposta para reformar o mercado enerxético europeo
A proposta que o Goberno vai levar á Unión Europea busca limitar de forma permanente o impacto do gas no prezo da electricidade para intentar moderar a factura da luz.
Menos dependencia do gas e máis aposta polas enerxias renovables. España vai reclamar ademais que as enerxías nuclear e hidráulica teñan prezos fixos a longo prazo.
"Estamos convencidos de que debemos dar sinais de presente e de futuro. Ofrecer contratos a prazo de enerxía, que o sistema eléctrico poida beneficiarse desa estabilidade nos prezos e que se iso se traduza en prezos máis baixos na factura", di a ministra para a Transición Ecolóxica.
A reforma do mercado eléctrico europeo empezará a debaterse na primavera. España é o primeiro país en enviar a Bruxelas a súa proposta. Pide ademais que lle permita manter o tope ao prezo do gas ata finais do ano que vén.
A maiores, o Goberno confirma a súa aposta polo hidróxeno verde e anuncia que subvencionará con 74 millóns de euros catro proxectos aos que a Unión Europea xa lles deu o visto e prace.
"Apróbase unha subvención nominativa a estes catro proxectos para cubrir a diferenza entre o financiamento que dá Europa e o financiamento público para que sexan viables e poidan implantarse o antes posible", di Teresa Ribera.
Eses catro proxectos desenvolveranse en Sevilla, Valladolid, Barcelona e Madrid, e en varios puntos das comunidades autónomas de Asturias, Navarra e País Vasco.