A Xunta, disposta a abrir novas zonas de extracción de mexilla, reunirase cos bateeiros
A Xunta, disposta a abrir novas zonas de extracción de mexilla, reunirase cos bateeiros
O encontro está previsto para a vindeira semana
A Consellería do Mar manterá a próxima semana unha reunión cos bateeiros para informalos dos avances sobre as propostas de apertura de novas zonas para extraer a mexilla, semente do mexillón.
De feito, a través dun comunicado emitido este venres, o departamento que dirixe Rosa Quintana confirma que "estaría en disposición de abrir" máis áreas para esta actividade en bancos naturais, tras concluír a tramitación pertinente.
Precisamente, este xoves, máis dun centenar de bateeiros da ría de Arousa protestaban fronte ás oficinas centrais da Xunta, en Santiago, polas delimitacións impostas pola Consellería e porque, segundo argumentaban, o produto recollido nos 120 quilómetros de zonas portuarias que en febreiro se abriron para a mexilla non servía.
Horas despois, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantía na conferencia de prensa posterior á reunión do seu Executivo que "en moi pouco tempo" se lles trasladaría unha nova ampliación.
Xa este venres, a Consellería do Mar confirmou esa próxima reunión para analizar as propostas que unha parte do sector remitira no encontro mantido o pasado 7 de febreiro co director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
Ademais, o encontro da próxima semana abordará outras cuestións expostas polo sector e relacionadas cunha maior flexibilidade na súa actividade diaria, co obxectivo de "facer fronte, na medida do posible, ás dificultades que están a ter os produtores" para obter a mexilla.