A Xunta edita unha guía para evitar lesións os gandeiros de vacún
A Xunta edita unha guía para evitar lesións os gandeiros de vacún
Recomenda pausas, quecementos, estiramentos ou roupa axeitada
A guía vai dirixida a produtores de carne e de leite
Cambiar as camas das xatas, arrimar a comida, cargar pacas de herba seca ou, por suposto, muxir dúas veces ao día. Son traballos que requiren de esforzo físico e que se realizan diariamente en granxas. Uns traballos que poden provocar problemas nas costas, no pescozo ou nas articulacións e que poden converterse en lesións crónicas se non se toman precaucións.
"As guías son útiles. Para coller pesos axeitadamente, para aplicar fitosanitarios...", conta Carlos Dablanca, gandeiro da SAT San Miguel.
A Xunta de Galicia editou unha guía con recomendacións para que os gandeiros teñan en conta antes, durante e despois da súa xornada laboral. Estiramentos, quecementos, pausas periódicas... Son consellos básicos e que poden evitar doenzas óseas e musculares, se ben os propios gandeiros recoñecen que o seu traballo non sempre permite seguilos.
"Ás veces chegas e está unha vaca parindo ou deitada no chan e non tes tempo de seguir as recomendacións", recoñece Carlos Dablanca.
A guía inclúe tamén recomendacións para un uso correcto da maquinaria agrícola e para o acondicionamento dos lugares de traballo de xeito que se reduzan os riscos de lesión.