A Xunta esíxelle ao Goberno un grupo de traballo para o seguimento dos trens Avril
A Xunta esíxelle ao Goberno un grupo de traballo para o seguimento dos trens Avril
A conselleira de Infraestruturas en funcións pídelle a Transportes que, ademais dos dous Gobernos, estea presente Talgo
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, remitiu este luns unha carta ao ministro de Transportes, Óscar Puente, a través da que lle esixe a creación dun grupo de traballo no que estean integradas a Xunta e a empresa Talgo para facer un seguimento exhaustivo do proceso de posta en servizo dos trens Avril e abordar as medidas de compensación aos galegos por este novo atraso.
Na misiva, a conselleira trasládalle ao ministro a preocupación e o malestar do Goberno galego ante as noticias que apuntan a unha nova dilación 'sine die' no prazo para a chegadas destes trens a Galicia, e ante a incerteza sobre o número de unidades que se van asignar.
Segundo sinala, o Goberno galego considera necesario que se expliquen oficialmente os motivos polos que o 1 de marzo non se puxesen á venda os billetes dos trens Avril, tal e como anunciara o propio ministro, e que se ofreza un calendario real sobre as probas e a formación dos maquinistas. Do mesmo xeito, esíxelle ao Ministerio concreción nas medidas desde o Goberno central para compensar aos galegos "por este novo atraso e este novo agravio".
A este respecto, lembra que Galicia foi inxustamente excluída das medidas compensatorias ofrecidas ás comunidades de Asturias e de Cantabria cando se constatou o atraso na entrega de trens de ancho métrico por erros nas medicións.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade en funcións destaca que a chegada dos trens Avril é un asunto estratéxico para Galicia, xa que se trata de complementar a alta velocidade máis aló da cidade de Ourense, permitindo que chegue tamén ás urbes da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo.