A Xunta impulsa a rexeneración da fronte litoral de Ferrol
A Xunta impulsa a rexeneración da fronte litoral de Ferrol
O proxecto busca fomentar unha mobilidade sostible e unha maior apertura da cidade ao mar
Ferrol pon en marcha varios proxectos para que a cidadanía volva desfrutar do mar. Facer do porto un espazo vivo para a cidade. Este é o obxectivo do convenio que Xunta a Autoridade Portuaria acaban de asinar.
Nel inclúense varios proxectos, deseñados para rexenerar a fachada marítima entre Curuxeiras e A Malata e ao mesmo tempo fomentar tamén unha mobilidade sostible. Un primeiro paso para conseguir abrir a cidade ao mar.
"As familias viñan cos nenos, e poñíanse alí co bo tempo, pero cerraron todo". Isto é o que botan en falla moitos dos veciños de Ferrol: non ter contacto directo co mar. O convenio que acaban de asinar a Consellería de Infraestruturas e a Autoridade Portuaria quere cambiar isto.
"Non é normal que unha cidade coma esta non poida vivir mirando ao mar, e teña que facelo de costas. Este é un dos primeiros pasos que estamos poñendo enriba da mesa para conseguir esa ansiada apertura ao mar", asegurou Diego Calvo, vicepresidente segundo e conselleiro da Presidencia.
Serán máis de 4,6 millóns de euros os que se invistan na rexeneración desta fachada marítima, con proxectos que van dende a construción dunha senda peonil e ciclista ata a posta en marcha de novos estacionamentos, algo que tamén se viña demandando entre a cidadanía hai xa tempo.