Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alfonso Villares: "Queremos que o desenvolvemento da lei do litoral sexa fluído"

Alfonso Villares: "Queremos que o desenvolvemento da lei do litoral sexa fluído"

O conselleiro do Mar cualifica de "respiro" o aval do Constitucional á lei galega do litoral 

Urxe ao Goberno central a aprobar a declaración de zona catastrófica para os bancos marisqueiros da Coruña e de Pontevedra

Admite futuros cambios de persoas na súa consellería pero non na estrutura 

G24.gal 28/04/2024 12:06 Última actualización 28/04/2024 12:50

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, apela á "cordialidade" entre Gobernos para que a Lei do Litoral de Galicia poida desenvolverse plenamente.  Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Villares así o aseguraba na semana na que o Tribunal Constitucional -por unanimidade- avalaba norma galega tras o recurso do Goberno central. Ditame que para Villares é un "respiro" que "pon puntos sobre os is á hora das dúbidas certas sobre como este Goberno nos tratou neste caso a todos os galegos". 

De cara ao futuro inmediato, o conselleiro aposta por desenvolver plenamente a lei e para iso considera preciso traspasar persoal e recursos. Por exemplo, a Demarcación de Costas. Un desenvolvemento que dependerá, apuntaba, á "vontade" do Goberno central. 

"Queremos que as cousas funcionen e funcionen con toda a cordialidade e institucionalidade que hai que ter entre todas as Administracións. Ao fin e o cabo estamos velando todos polos intereses de toda a nosa xente. Queremos que esa velocidade, esa rapidez coa que poidamos desenvolver toda esta lei, todo este traspaso de persoal e de medios sexa o máis fluída, o máis rápido posible e que non haxa ningún tipo de tropezo". 

Marisqueo

O conselleiro do Mar tamén urxiu ao Goberno a declarar zona catastrófica os bancos marisqueiros das provincias da Coruña e de Pontevedra, afectados por unha elevada mortaldade de bivalvos. Villares lembrou que tras telo solicitado formalmente, "estamos en abril, case maio, e seguimos sen resposta do Goberno". 

Cambios na Xunta

Alfonso Villares admite que pode haber cambios de "persoas" no organigrama da súa consellería aínda que di que non afectará á estrutura porque considera que é "válida" ao ser a que está funcionando nos últimos anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade