A Xunta insta os concellos a intensificar as medidas de aforro de auga
A Xunta insta os concellos a intensificar as medidas de aforro de auga
Segundo a conselleira de Infraestruturas, a situación de seca prolongada é "grave"
Piden á cidadanía que faga un uso responsable da auga
Segundo a Xunta, a situación de seca prolongada é "grave". A conselleira de Infraestruturas comina os concellos a intensificar as medidas de aforro de auga e a cidadanía a facer un uso responsable para evitar ou, polo menos atrasar, a adopción de restricións.
A situación de seca prolongada empeora e desde a Xunta advirten da súa gravidade, con consecuencias xa na actividade económica, no sector agrogandeiro e no sector industrial.
Os caudais circulantes dos ríos da demarcación Galicia Costa son os máis baixos desde que hai rexistros, tamén os niveis dos encoros neste momento están un 16 por cento máis baixos ca o ano pasado.
Hai zonas moi afectadas, con prelaerta de escaseza.
"Esas zonas son a conca do río Lérez, é dicir, toda a área de Pontevedra, a conca do río Anllóns e tamén do río Grande, na zona de Camariñas e tamén de Noia, a zona de Santiago, a conca do río Tambre. A zona de Vigo a través dos encoros de Zamáns e Baiona e polo tanto Nigrán, Gondomar, Baiona e unha pequena parte de Vigo están nunha situación de prealerta por escaseza", di Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas.
Desde a Xunta piden á cidadanía que faga un uso responsable da auga.
"Hai que intensificar e concienciarnos todos de que hai que facer un consumo moi racional para poder chegar ao final do verán evitando as restricións, pero o certo é que a situación e grave", asegura a conselleira.
Desde Augas de Galicia reuníanse esta semana cos concellos da demarcación Galicia Costa máis afectados pola seca... Cominan as administracións locais a intensificar as medidas de aforro.
"Desde o ano 2017 xa aprobamos unha lei onde nos impoñíamos obrigacións como Xunta de Galicia, onde marcabamos follas de ruta aos concellos que son os que teñen as competencias para garantir o abastecemento á poboación. É unha lei que indica claramente que os concellos deben dotarse dun plan de emerxencia municipal ante unha seca", destaca.
Uns plans, sinala a conselleira, que permitan coñecer o estado das redes para evitar as fugas. Nas redes de abastecemento municipais pérdese algo máis do 40 % de auga por esas fugas.