A Xunta lanza o Bono Remuda para "fomentar o traspaso de negocios" e a substitución xeracional
A Xunta lanza o Bono Remuda para "fomentar o traspaso de negocios" e a substitución xeracional
Para recibir a axuda debe haber motivo de xubilación, incapacidade ou defunción, e o proceso debe facerse efectivo entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024
A porcentaxe de subvención será de entre 70% e 80%, cunha contía máxima de 30.000€
O Consello de la Xunta aprobou este luns o Bono Remuda, unha nova convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun orzamento de 1,5 millóns de euros para fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego.
Segundo explicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na conferencia de prensa posterior á celebración do Consello, a orde de axudas enmárcase no Plan de Remuda que funciona ao amparo da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 13 centros activos e á que están adheridas máis dun centenar de empresas.
As axudas buscan "evitar o peche de negocios por falta de substitución xeracional, á vez que se facilita que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a remuda dun negocio xa viable economicamente".
Os negocios deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia e estar rexistrados na bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento. A substitución debe ser por xubilación ou próxima xubilación do titular do negocio. Tamén por causas sobrevidas como incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou falecemento, e deben producirse entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024.
O Bono Remuda conta con dúas liñas de axuda. A liña 1-Bono Remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, á que se destina un millón de euros e para o que se fixa un 75% de porcentaxe de subvención respecto do prezo estipulado no contrato de substitución.
Mentres, a liña 2-Bono Remuda xeral, para municipios de 5.000 habitantes ou máis, conta con medio millón de orzamento e a porcentaxe de subvención será do 70%. Se se trata de substitución mediante alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe da achega será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro.
Para o Bono Remuda rural, a axuda subirá un 10% cando a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada, estranxeira ou empadroada no concello onde está a actividade que se traspasa.
Ademais, nas dúas liñas haberá un 5% de aumento se quen se fai cargo é muller, menor de 30 anos, maior de 52 (incluídos) ou se o negocio traspasado ten máis de cinco traballadores. En total, a contía máxima subvencionable será de 30.000 euros.
As persoas solicitantes deben presentar un plan de negocio cun informe de valoración no que poden ser asesoradas polo persoal técnico dos polos de emprendemento, "dispoñible tamén para asegurar a boa marcha das transmisións de negocios". Tamén poderán facelo a través da páxina web dispoñible tanto para quen queira transmitir a súa empresa como para quen queira acceder a negocios en traslado.
Convenio coa Federación Galega de Comercio
Así mesmo, o Goberno galego deulle esta mañá o visto e prace á firma dun convenio coa Federación Galega de Comercio que, cun orzamento global de 690.000 euros. Este "permitirá avanzar en comercios polo miúdo especializados, de calidade, fortalecidos e modernos, que promovan o consumo responsable cunha actividade sostible, con motivo de garantir a súa competitividade e substitución xeracional".
Así, en primeiro lugar, consolidarase unha oficina de orientación, asesoramento e información ao comercio galego e de formación no asociacionismo, prestando especial atención ao emprendemento, cualificación e mantemento da actividade.
Reforzarase a dispoñibilidade de persoal cualificado para resolver dúbidas das persoas comerciantes, asesorar sobre medidas que adoptar e sobre programas ou axudas. Traducirase en canles de comunicación como unha liña telefónica gratuíta (900 103 087) ao dispor de todos os comerciantes galegos.
Cunha segunda liña de colaboración asegurarase tamén o mantemento da Plataforma Dixital Centralizada E-tícket, dirixida a axilizar e mellorar a relación e o contacto coa clientela mediante a substitución do tícket tradicional en papel por "un sistema dixital, moderno, fiable e eficaz, ademais de máis sostible".
Tamén se afianzará a Plataforma de Ecommerce En liña Comercio Galicia de venda polo miúdo, para avanzar na expansión dixital dos negocios impulsando a súa venda física e, especialmente, a efectuada a través de internet.
A terceira das liñas de colaboración supoñerá a posta en marcha da campaña Días Azuis, dirixida principalmente a incrementar as vendas no pequeno comercio. A acción, que se desenvolverá a nivel galego, terá como obxectivo "visibilizar e crear relacións de afinidade co comercio de proximidade, posicionando a súa imaxe, as súas vantaxes e características xeradoras de confianza, mentres se persegue incentivar e reactivar o consumo".
Xa na última liña do convenio, promoveranse campañas de dinamización do comercio de proximidade e de estímulo da demanda e do consumo a nivel provincial.
Estas campañas de dinamización combinarán premios atractivos, mecanismos sinxelos de participación e unha estratexia efectiva de promoción. Así, prevese o sorteo de ata 50 tarxetas regalo de 200 euros entre consumidores que compren en comercios locais e acrediten a súa compra nunha plataforma web desenvolvida para o efecto. Tamén un sorteo extra dunha tarxeta por importe de 1.000 euros nunha gala do comercio entre as 50 persoas consumidoras xa premiadas nos sorteos previos e que asistan ao evento.
Mellora da competitividade de pemes de produtos do mar
Por outra banda, o Consello de la Xunta tamén deu conta este luns do informe relativo á orde pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciados coa primeira convocatoria do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2024.
Deste xeito, a Consellería do Mar destina á mellora da competitividade e da rendibilidade das pequenas e medianas empresas galegas desta categoría 19 millóns de euros, que se distribúen nas seguintes anualidades: 2024 (9 millóns) e 2025 (10 millóns).
Con estas axudas, o Goberno galego achega o 50% do importe subvencionable de cada unha delas, e poderá esta porcentaxe elevarse ao 100% no caso de que os proxectos cumpran os requisitos de que tanto o interese como as beneficiarias sexan colectivos, teñan características innovadoras ou garantan o acceso do público aos seus resultados.
Entre as accións que son obxecto de apoio, está a de fomentar a calidade e valor engadidos dos produtos; aumentar a eficiencia enerxética; reducir o impacto no ambiente; mellorar a mobilidade sostible da distribución de produtos da pesca; favorecer a economía circular mediante a prevención e optimización dos procesos, minimización dos residuos, o aproveitamento comercial das capturas non desexadas ou subprodutos, o uso de descartes para o desenvolvemento de subprodutos, a transformación de capturas de peixe comercial que non poidan destinarse ao consumo humano; ou fomentar a transformación de produtos de acuicultura ecolóxica.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da convocatoria de axudas no DOG, prevista para o mes de xuño.