A Xunta pide declarar como zona catastrófica as rías con alta montaldade de marisco
A Xunta pide declarar como zona catastrófica as rías con alta montaldade de marisco
A mortaldade do berberecho supera o 95 % e a da ameixa xapónica, o 75 %
A situación é "desesperada" para as familias que se dedican ao marisqueo
Alertan de que se está a introducir no mercado marisco "que din que é galego cando non o é"
A Xunta de Galicia está a reunir todos os datos necesarios para solicitar ao Goberno central que declare como zonas catastróficas as rías galegas, onde se está a rexistrar un elevado índice de mortaldade de marisco.
Este xoves o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, explicou que esta solicitude como "zona afectada gravemente por unha emerxencia" estará baseada nos informes técnicos que xa se están redactando. Esta medida permitiría que o Estado se encargue da reparación dos danos que se están producindo na acuicultura mariña "chegando a todos os afectados".
Os estudos que fundamentarán esta petición analizarán o impacto da alta temperatura da auga nos bancos marisqueiros, os temporais dos últimos meses ou o descenso na salinidade das rías que provocaron as intensas choivas deste outono.
"Todo iso é fundamental para trasladar ao Goberno esta petición", destacou o conselleiro, que durante a súa visita á lonxa de Campelo mantivo un encontro de traballo cos patróns maiores das confrarías da ría de Pontevedra, unha das máis afectadas.
O sector cualificou a situación de "excepcional" e Villares reiterou a necesidade de articular "axudas urxentes" para todos os afectados, polo que a declaración como zona catastrófica "sería unha vía que cubriría as necesidades de todos".
"O fundamental é que non quede ninguén fóra á hora de axudar e a vía de declarar zona catastrófica é o camiño", reiterou Villares, que lembrou que a mortaldade do berberecho supera o 95 % e a da ameixa xapónica, o 75 %.
A patroa maior da confraría de Lourizán, Mari Carmen Vázquez, recordou que na provincia de Pontevedra hai preto de 3.000 familias afectadas pola elevada mortaldade do marisco, que se enfrontan, segundo explicou, "a un futuro bastante malo".
Vázquez tamén sinalou que a situación é tan "desesperada" que ao sector non lle preocupa tanto que haxa marisco no mercado para a campaña do Nadal, "senón que nos preocupa xaneiro, febreiro, marzo e todo o ano 2024", algo que para eles "é unha angustia".
Se o problema non se resolve, a patroa maior de Lourizán avanzou que "moita xente deixará o marisqueo porque terá que vivir ao non ter nada que levar á súa casa". Tamén alertou que "igual que cando foi do Prestige", estase a introducir no mercado marisco "que din que é galego cando non o é", xa que procede de Francia, Italia, Portugal ou Marrocos, polo que pediu un maior control das administracións.