Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta porá en marcha un plan de continxencias contra a contaminación ambiental da costa galega

A Xunta porá en marcha un plan de continxencias contra a contaminación ambiental da costa galega

Varios municipios xa comezaron os labores de limpeza, cuxos custos serán transmitidos á empresa propietaria da carga de pellets

O alcalde de Noia asegura que estes microplásticos xa chegaron ás costas asturiana e cántabra

Fotografía realizada pola organización Noia Limpa
G24.gal 05/01/2024 17:23

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, xunto co alcalde de Noia, Santiago Freire, anunciaron este venres que a Xunta vai activar un plan de continxencias por contaminación ambiental tras a aparición de pellets de plástico en varias praias galegas.

O alcalde do concello coruñés achegouse ata unha das praias afectadas para comprobar as tarefas de recollida de pellets de plástico, supostamente procedentes dun dos contedores dun barco que caeron ao mar.

Villares precisou que o mercante Tocano perdeu seis contedores o pasado 8 de decembro, cando navegaba fronte á costa portuguesa e un deles portaba pellets de plástico, que "están a chegar tamén á costa asturiana é cántabra", apuntou.

Dende o pasado 13 de decembro, estes microplásticos están aparecendo nos areais galegos, como denunciaron varias entidades ecoloxistas. Algúns municipios iniciaron xa labores de limpeza, e posteriormente a Xunta agarda presentar os gastos derivados desas tarefas á empresa propietaria da carga.

Os traballos de limpeza estanse a efectuar directamente nas praias debido á dificultade para localizar estes microplásticos no mar, segundo afirma o alcalde de Noia.

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente, pediu máis implicación do Goberno central, ao que insta a pescudar nas "características do material" e a especificar se "hai máis contedores" afundidos con cargas semellantes á atopada.

Son moitas as asociacións ecoloxistas que reclamaron unha acción contudente para atallar a contaminación e evitar os efectos sobre o ecosistema das zonas costeiras afectadas, especialmente as comarcas de Arousa e Barbanza, as rías de Muros e Noia, e a zona da Costa da Morte.

Segundo explicou a organización ecoloxista SEO/BirdLife, estes microplásticos "poden afectar ás aves mariñas" e reclama ás autoridades retirar os pellets das costas e abrir unha investigación para coñecer ben o impacto ambiental e causas desa contaminación mariña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade