A Xunta presenta un novo programa con descontos en viaxes para maiores de 65

O programa ofrecerá descontos en viaxes a nivel nacional e internacional para todos os galegos maiores de 65 anos

540 millóns de euros dos orzamentos de Política Social serán destinados á atención de maiores

O BNG e o PSdeG critican as inversións dos orzamentos en materia de servizos sociais do PPdeG

G24.gal 27/10/2023 15:53

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou un novo programa de descontos para viaxes tanto en España como ao estranxeiro, para persoas maiores de 65 anos, semellante ao Imserso. Na súa comparecencia na comisión terceira do Parlamento para explicar o orzamento do seu departamento destacou que desta maneira se amplían as iniciativas para que a xubilación sexa un "premio a unha vida de traballo" e "derrubar estereotipos" sobre a idade.

"Ser maior en Galicia no século XXI non significa converterse en dependente, é unha oportunidade para gañar tempo", asegurou a conselleira. Neste ámbito tamén se enmarca o Carné +65, que se enviará automaticamente a 700.000 persoas ás súas casas. Esta tarxeta incluirá vantaxes coma a gratuidade dos autobuses interurbanos.

Os orzamentos da Consellería de Política Social e Xuventude ascenden para o 2024 a 1.205 millóns de euros, nos que 540 millóns estarán destinados á atención aos maiores. Asegura que isto axudará a dar os "pasos pioneiros na universalización e coidado ás persoas con dependencia".

Entre as medidas destacou o bono para o coidado de persoas dependentes no fogar, cun importe de 5.000 euros anuais para máis de 20.000 galegos. Tamén anunciou o suplemento de 1.200 euros do bono residencia, para máis de 10.000 persoas, que suporán unhas partidas de 100 e 55 millóns de euros respectivamente.

Orzamentos para familia, infancia, discapacidade e inclusión social

As partidas para familia, infancia e dinamización demográfica subirán un 5 %, chegando aos 242 millóns de euros, dos cales 60 millóns serán destinados a pagar a gratuidade das escolas infantís. Isto "permite que un neno en Galicia chegue á FP ou universidade sen que a súa familia teña que pagar absolutamente nada", explica Fabiola García.

Na atención á discapacidade estarán destinados 172 millóns de euros, o 4 % dos orzamentos. Tamén se empregarán o 3 % dos fondos para a inclusión social, o que supón un total de 153 millóns de euros. A conselleira tamén adiantou que nas próximas semanas se aprobará a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030.

Sen cambios nos orzamentos da Risga

Non haberá cambios para o vindeiro ano na Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), cun orzamento de 46 millóns de euros, co que se seguirá atendendo a "todos os que necesiten e non poidan acceder" ao ingreso mínimo vital (IMV), asegurou García. Volveu recriminar ao Goberno que non cumprise co seu compromiso de transferir a xestión desta axuda á comunidade.

Con respecto deste punto, tanto o BNG coma o PSdeG reprocháronlle á conselleira que non se incrementen os orzamentos, a pesar da difícil situación pola que moitas familias están a pasar debido ás subidas dos prezos. Critican, tamén, que lle deriven esta responsabilidade ao Goberno pola súa xestión do IMV, así como tamén as axudas establecidas a través de bonos directos.

Críticas ás axudas para servizos sociais

A deputada do BNG, Iria Carreira, considerou que estas axudas son un exemplo do "modelo privatizador" do PP en servizos sociais. Estas supoñen "drenar diñeiro para as residencias privadas" no canto de potenciar unha rede pública ou manter os coidados en casa en situación de "precariedade absoluta". A deputada do BNG di que son "fogos de artificio" que non atenden ás "necesidades reais" das persoas dependentes.

Pola súa banda, a deputada socialista, Mariña Ortega, asegura que o bono de coidados se trata do "calote da estampiña", xa que se trata de diñeiro que antes "quitaron" ao rebaixar as axudas para a libranza dos coidadores na contorna familiar.

Ortega quixo mencionar á Xunta, no caso da Risga, para que faga compatible esa axuda co IMV, dicindo que prefire manter "a chantaxe" ao Goberno central mentres "pagan as familias máis vulnerables".

Por outra banda, a deputada do PPdeG, Raquel Arias, defendeu os orzamentos de 2024 como "os máis sociais da historia" fronte aos partidos da oposición, e tamén dirixiu as súas críticas ao Executivo estatal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade