Publicador de contidos
Publicador de contidos

Restaurado o coro policromado da igrexa do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo

Restaurado o coro policromado da igrexa do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo

A Xunta investiu 210.000 euros nos traballos de rehabilitación 

É un dos poucos artesoados policromados que se conservan en Galicia

Acisclo Manzano elaborou unhas pezas para incorporar ao conxunto 

O coro da igrexa de Xunqueira de Espadanedo é un dos poucos policromados que se conservan en Galicia
G24.gal 29/01/2022 21:37

A Xunta acaba de investir 210.000 euros nos traballos de restauración no coro da igrexa medieval do mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo. Na intervención aseguraron a estrutura da viga orixinal do século XVI, e o escultor ourensán Acisclo Manzano elaborou unhas pezas para incorporar ao conxunto, un dos poucos artesoados policromados que se conservan en Galicia.

A noite do 2 de marzo de 1800 caeu a fachada da igrexa do século XIII do mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, e con ela caeu parte do coro policromado, rompe unha das trabes e na reconstrución colocaron outra do século XIX.

Patrimonio decidiu retirar esa viga, cortouse e só se conservaron os extremos onde nas esquinas o escultor Acisclo Manzano preparou unhas cabezas.

"Á imaxe do século XVI para que se integrasen na obra do edificio e así continuar a historia deixando a nosa pegada no século XXI", di María Eugenia Muñoz Fernández, a xestora cultural do Concello de Xunqueira de Espadanedo. 

O resultado da intervención en que participaron restauradores, historiadores e arqueólogos permite admirar mellor a policromía orixinal do conxunto de madeira do século XVI.

"O sotocoro é de finais do século XVI é posiblemente o único deste tipo que se conserva en Galiza, e o que o diferencia doutros que podemos atopar aquí, son as caras. Caras que apenas están esculpidas, sendo a pintura a que dá expresión a uns rostros, que nos miran, non sabemos o que queren, pero parece que se están a burlar de nós, porque moitos deles están botando a lingua",  explica María Eugenia Muñoz Fernández, a xestora cultural do Concello de Xunqueira de Espadanedo. 

Agora falta restaurar os retablos manieristas de 1620, moi afectados polos fungos e que, segundo a xestora cultural do Concello de Xunqueira de Espadanedo, precisan dunha limpeza e dunha restauración urxente antes de que se perdan definitivamente. 

Ademais, no proxecto financiado con 210.000 euros pola consellería de Cultura, tamén se cambiaron as campás, mellorouse o exterior da igrexa e solucionaron cunha nova drenaxe algúns dos problemas de humidade. O de Xunqueira de Espadanedo é un dos templos románicos máis importantes da provincia de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade