Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aviso vermello en Valencia: recomendación de quedar na casa e tráfico restrinxido

Aviso vermello en Valencia: recomendación de quedar na casa e tráfico restrinxido

A poboación recibe dúas mensaxes Es-Alert advertindo do aviso vermello e das restricións en vigor

A circulación ferroviaria da liña Valencia-Barcelona está interrompida entre Castelló e Cambrils

Adíase a reapertura da liña de alta velocidade Madrid-Valencia polo aviso vermello

Elévanse a 216 as vítimas mortais e 16 continúan desparecidas

Atopan os corpos dos nenos desaparecidos durante a DINA en Torrent

Reuters
G24.gal 13/11/2024 15:07 Última actualización 13/11/2024 21:47

A Axencia Estatal de Meteoroloxía  elevou a vermello o aviso por chuvias en todo o litoral da provincia de Valencia para este mércores e xoves, con probabilidade de precipitación acumulada de ata 180 litros por metro cadrado en apenas 12 horas.

A alerta está activa desde as 21.00 horas deste mércores e ata as 12.00 horas do xoves e o momento de maior "adversidade" meteorolóxica será de madrugada, segundo a previsión de Aemet. Os maiores acumulados serán máis probables en zonas do litoral e poderían acumularse nunhas catro ou cinco horas. Aemet advirte de que o perigo é "extremo" e da posibilidade de que se produzan desbordamentos de leitos e inundacións. 

A comparecencia do presidente da Generalitat prevista para este xoves aprazouse ata o venres tras activarse o aviso vermello.

 

Mensaxe de alerta

A Generalitat, a través do Centro de Coordinación de Emerxencias, enviou esta tarde unha segunda mensaxe para avisar á poboación do aviso vermello por chuvia. A mensaxe Es-Alert foi enviada a todos os móbiles situados nas zonas onde está activo ese aviso vermello e na que se lembra as restricións que están activas.

A primeira alerta, enviada a primeira hora da tarde, so foi para os telefónos que estaban nos municipios afectados polas inundacións do 29 de outubro.

Circulación ferroviaria interrompida

O Adif informou de que a circulación da liña Valencia-Barcelona está interrompida entre as estacións de Castelló  e Cambrils polas condicións meteorolóxicas da zona, segundo informou o administrador ferroviario vía redes sociais.

Ante esta nova alerta, Renfe reprogramou os servizos de proximidade das liñas do núcleo de Valencia desde este mércores pola tarde e durante todo o xoves. Ademais, tamén se interrompen os servizos de Media Distancia Xátiva-Alcoi, Valencia- Vinaròs e Valencia-Tortosa.

Restrinxida a mobilidade dos vehículos privados

O Centro de Coordinación Operativa Integrada de Valencia acordou restrinxir a mobilidade de vehículos privados durante 24 horas desde as seis da tarde deste mércores na vintena de municipios da zona cero das inundacións do 29 de outubro, ante a "afección máis severa" que pode ter nela a nova DINA.

"Esta orde busca garantir de maneira preventiva a seguridade das persoas e todos os recursos que están a actuar coordinadamente desde o inicio da DINA", así o apuntou a directora xeral de Prevención de Incendios Forestais e portavoz do Cecopi, Rosa Touris.

A última hora da tarde, e co aviso vermello xa activo, o presidente da Generalitat, ordenaba "medidas temporais e excepcionais para garantir a seguridade das persoas", que contemplan, entre outras, a restrición de movemento de calquera vehículo privado en todos os municipios afectados salvo os de servizos esenciais e de emerxencias.

Nunha mensaxe nas súas redes sociais, Mazón sinala que esta decisión abarca desde as 22:00 horas de hoxe ata as 23:59 horas do xoves.

En canto á restrición do movemento en calquera vehículo de transporte privado en todos os municipios afectados pola alerta, exceptúanse os de servizos esenciais e complementarios de intervención, así como de todas as empresas responsables de garantir a subministración dos servizos básicos de auga, enerxía e comunicacións, e de distribución de alimentos. Tamén quedan fóra aqueles desprazamentos urxentes, adecuadamente xustificados.

As restricións, publicadas no Diario Oficial da Generalitat

A Conselleria de Xustiza e Interior emitiu unha orde que decreta a suspensión de actividades educativas, deportivas e o peche de centros de día, así como a restrición do movemento en calquera vehículo de transporte privado, excepto servizos esenciais, en 163 municipios da provincia de Valencia.

Estas medidas "temporais e excepcionais", publicadas no Diari Oficial da Generalitat Valenciana, estarán activas desde as 22.00 deste mércores 13 de novembro e ata as 23.59 horas do 14 de novembro.

Adíase a reapertura da liña de alta velocidade Madrid-Valencia

O ministro de Transportes, Óscar Puente, anunciou que a reapertura da liña de alta velocidade entre Madrid e Valencia, prevista para este xoves, queda aprazada polo aviso vermello.

"A pesar de ter a infraestrutura lista vémonos na obriga de suspender todos os trens da liña de alta velocidade Madrid-Valencia, en ambas as direccións, que entran dentro da alerta vermella, é dicir, os que saen antes das 12:00 horas deste xoves. En función das circunstancias seguimos informando", sinalou o ministro nunha mensaxe publicada na rede social X.

A reapertura do servizo de alta velocidade estaba prevista para este xoves, nun primeiro tren que ía saír desde Madrid-Chamartin cara a Valencia ás 7.30 horas

Balance de vítimas mortais

A cifra total de vítimas mortais  aumentou ata as 216, unha máis que este martes mentres que os desaparecidos son actualmente 16, segundo o último balance oficial do Centro de Integración de Datos.

A todas as persoas falecidas practicóuselles xa a autopsia e todas elas están tamén plenamente identificadas, cando se cumpren quince días desde que se produciu esta catástrofe, o pasado 29 de outubro de 2024. 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade