Abelleira: “Os meus catro anos aquí foron incribles. Parte do que son débollo ao Dépor"
Abelleira: “Os meus catro anos aquí foron incribles. Parte do que son débollo ao Dépor"
A galega confesou que as xogadoras da selección teñen ganas de sacar “a espiña” da última derrota
A internacional galega Tere Abelleira, futbolista do Real Madrid, restou importancia á última derrota do equipo nacional ante a República Checa en Chomutov, o pasado venres na quinta xornada da clasificación para a Eurocopa que se celebrará en Suíza.
“É verdade que foi un pau, pero sempre o tomamos como unha oportunidade para mellorar e corrixir erros. Somos as mesmas xogadoras antes e despois dese partido. Sempre dicimos que o mellor é o equilibrio"
"Cando hai unha derrota hai que saber que de súpeto non somos tan malas, pero tamén que por levar unha estrela no peito non somos tan boas. A confianza está intacta”, indicou a galega.
O equipo dirixido por Montse Tomé, xa clasificado para o torneo continental, disputa mañá o seu último test antes dos Xogos Olímpicos de París contra Bélxica en Riazor, estadio que lle trae “moi bos recordos” tras vestir catro anos a camiseta do Dépor.
“Os meus catro anos aquí foron incribles. Gran parte do que son débollo ao Dépor, aquí foi onde por primeira vez me sentín profesional. Cheguei moi pequena, con 16 anos, e funme tras debutar en Primeira e sendo outra xogadora, moito máis madura”, recoñeceu na súa comparecencia ante os xornalistas.
Abelleira confesou que as xogadoras da selección teñen ganas de sacar “a espiña” da última derrota para marchar a París “con mellores sensacións”.
“Os Xogos Olímpicos son o verdadeiramente importante deste verán. Mañá esperamos un rival moi forte, con ganas de gañarnos. Teremos que corrixir os erros do outro día”, avisou a centrocampista galega