Aberto o prazo para que a frota pida axudas de 3,6 millóns pola carestía do combustible
Aberto o prazo para que a frota pida axudas de 3,6 millóns pola carestía do combustible
Para armadoras de embarcacións que teñan o seu porto base en Galicia, a licenza en vigor e estean de alta na terceira lista do Rexistro Xeral de Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia
A Consellería do Mar destina máis de 3,6 millóns de euros en axudas para compensar a frota pesqueira galega polo impacto nos prezos dos combustibles como consecuencia da guerra de Ucraína, cuxo prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá.
Así se recolle na convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), destas subvencións para paliar o custo adicional no que incorreron os buques pesqueiros polo encarecemento dos carburantes durante o segundo semestre de 2022.
Poderán beneficiarse destes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), as persoas armadoras de embarcacións que teñan o seu porto base en Galicia, a licenza en vigor e estean de alta na terceira lista do Rexistro Xeral de Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo explica a Xunta nunha nota de prensa.
A contía máxima da axuda obterase dun cálculo que sairá da multiplicación de catro elementos que son: o consumo diario de carburante segundo o tipo de buque e o caladoiro onde realiza a actividade; o arqueo bruto ou capacidade do barco; os días de pesca no mar e, por último, o sobrecusto mensual por litro de combustible.
As axudas para os buques de arrastre de caladoiro nacional, comunitario e internacional alcanzan un total de 1,1 millóns de euros; para os buques de cerco en caladoiro nacional son 385.000 euros, para os de artes menores máis de 1,5 millóns de euros e ao resto de buques destínanse 540.000 euros.