Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abre ao público o centro de interpretación do medio mariño de Cabanas

Abre ao público o centro de interpretación do medio mariño de Cabanas

Ten como obxectivo difundir a riqueza natural e patrimonial da costa

Conxuga actividades en contacto co medio con outras virtuais

As instalacións do CIMM están integradas no parque do Areal
G24.gal 19/06/2022 16:29 Última actualización 19/06/2022 16:50

Esta fin de semana abriu as súas portas o centro de interpretación do medio mariño de Cabanas, un espazo entre o Eume e a ría de Ares que quere dar a coñecer a riqueza natural e patrimonial da súa costa.

O CIMM é xa un centro aberto ao público para o coñecemento da cultura do mar cunha axenda de actividades programadas para o verán nunhas instalacións integradas no parque do Areal, tal e como adiantaba o tenente de alcalde, Iago Varela.

"Nel traballamos diferentes aspectos como pode ser o coidado do medio, a importancia do banco marisqueiro e da pesca de baixura para o emprego na nosa zona. Tamén a transformación do litoral, tanto a que vén dada pola acción natural como a que pode vir pola apropiación do home do territorio". 

A inmersión na cultura mariña que se quere ofrecer desde este centro de Cabanas parte do respecto e a posta en valor do medio natural e aproveita as posibilidades que ofrecen as experiencias virtuais.

"Hai como dúas partes: nunha delas, grazas ás novas tecnoloxías, podemos somerxernos no mar pero sen necesidade de mollarnos; e, por outra banda, imos facer percorridos nun barco eléctrico no que podemos ir vendo a contorna desta zona fantástica mentres navegamos", explica a educadora ambiental Silvia Iglesias.

Subir río arriba sen escoitar o motor ata chegar ás Fragas do Eume, experimentar un mergullo virtual entre algas e peixes só con poñermos unhas lentes ou coñecer en tempo real os fondos en Chamoso grazas a un robot submarino que descobre todo un ecosistema.

"É o que se di sempre, para poder coidar algo primeiro tes que coñecelo. Se non podemos meternos aí abaixo e ver esa beleza e riqueza que temos, e coñecer a importancia que ten nas nosas vidas, é moito máis difícil despois concienciar a xente para que faga cambios nas súas vidas que poidan repercutir nos mares". 

Ese é realmente o obxectivo final deste centro, dar a coñecer para poder aprender a coidar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar