Abre no Gaiás unha mostra coas mellores pezas da arte e deseño do surrealismo
Abre no Gaiás unha mostra coas mellores pezas da arte e deseño do surrealismo
Duascentas oitenta obras procedentes na maior parte do museo Vitra, de Alemaña
Un percorrido polas creacións dos mestres surrealistas desde o inicio ata a actualidade
Hai tanto surrealismo nun anel feito cun terrón de azucre coma nun cabalo convertido en lámpada ou unha cadeira de brazos coa forma duns beizos. Hai imaxes icónicas coma o violín de Man Ray que forman parte do noso imaxinario figurativo. Todas xorden dunha corrente creativa rompedora que vai máis aló da arte ou o deseño.
"O surrealismo máis que un estilo é unha actitude, un xeito de ver a vida. E iso pódese ver moi ben nesta exposición, porque podemos ver obxectos surrealistas que son moi diversos entre si, pero todos son surrealistas porque teñen unha particular maneira de ser concibidos, desafiando as regras e sobre todo buscando unir contrarios, como por exemplo uns beizos que se acaban transformando nun sofá", explica Miguel Ángel Cajigal, guía e educador da Cidade da Cultura.
O movemento está a punto de cumprir un século desde o manifesto de André Breton en 1924. Nesta mostra non falla ningún dos grande expoñentes, desde os precursores ata os continuadores actuais. Porque o surrealismo transcendeu a súa época.
"Na actualidade podemos ver nos deseños influencias por exemplo de Salvador Dalí, que segue inspirando creacións no plano industrial. Penso que ese aspecto é o que fai esta exposición moi interesante", sinala Sabrina Handler, directora adxunta do museo Vitra.
Ademais de coleccións particulares, a exposición nútrese, sobre todo, coas achegas do Museo Vitra, de Alemaña, referente mundial do deseño. A Fundación La Caixa colabora coa Xunta na organización da mostra, que viaxará despois ata o museo de deseño de Londres.
Aínda temos tempo ata finais de agosto para recrearnos nesta viaxe surrealista.