Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre un home de 40 anos nunha colisión frontal en Antas de Ulla

Morre un home de 40 anos nunha colisión frontal en Antas de Ulla

Conducía un dos vehículos implicados nunha colisión frontolateral rexistrada na N-640

G24.gal 02/02/2024 08:56 Última actualización 02/02/2024 14:23

Un home de 40 anos morreu nun accidente de tráfico rexistrado en Antas de Ulla, no quilómetro 135 da estrada N-640. O sinistro consistiu nunha colisión frontolateral entre dous coches, logo de que o condutor dun dos vehículos implicados invadise o carril contrario.

Á espera de que os especialistas da Garda Civil reconstrúan os feitos, non se descarta que se tratase da propia vítima mortal, que ao parecer non levaba posto o cinto de seguridade.

Ata o lugar, situado moi preto do límite con Monterroso, desprazáronse de inmediato efectivos da Garda Civil e mais os sanitarios nunha ambulancia medicalizada. Así e todo, nada puideron facer para lle salvar a vida á vítima, que era veciño da contorna.

Os primeiros en chegar ata o punto onde se produciu o choque, coñecido como a curva dos Carreiros, foron os integrantes do Grupo de Emerxencias Supramuninicipal de Monterroso, que se ocuparon de extraer o falecido do interior do coche. 

Fernando Otero, coordinador do GES de Monterroso: "Non respondían as constantes vitais. Comprobámolo dúas veces, co médico do 061 ao teléfono, pero non respondía. Esperamos ata a chegada da ambulancia, que foi rápida, e procedemos a extraer o corpo do vehículo".

O finado, residente na parroquia de Peibás, no mesmo concello de Antas de Ulla, deixa orfos tres menores de curta idade. Pola súa parte, o condutor do outro vehículo implicado, que circulaba en sentido a Lugo, saíu ileso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade