Acción vandálica na igrexa de San Pedro de Losón, en Vila de Cruces
Acción vandálica na igrexa de San Pedro de Losón, en Vila de Cruces
Estragos nas portas, no tellado e nun muro do templo
A igrexa da parroquia de San Pedro de Losón, en Vila de Cruces, apareceu este martes á mañá con estragos no seu cerramento e na cuberta. O obxectivo do autor ou autores do feito é de difícil comprensión e foi unha sorpresa desagradable para a veciñanza.
"Aquí hai unha desfeita de grandes gastos, económica sobre todo, máis que nada pola parte de fóra. Por dentro si tiraron cousas pero, como non hai nada que roubar... daquela, pasaron moito traballo, traballaron moito", di Belén, que fai o mantemento do templo desde hai un ano.
Destaca Belén Jordedo que non roubaron nada. Mesmo, despois de abriren a boeta, deixaron os 30 céntimos que contiña. Estragaron as dúas portas de acceso, tiraron algunhas das tellas da cuberta e, o máis sorprendente: o dano na fachada.
"Non ten sentido que se poñan a desfacer unha parede porque iso dá moito traballo, leva moito tempo e vaia... É que non ten sentido ningún o que pasou aquí. Isto era só para facer dano material... con que fin, non se sabe, pero isto foi tremendo", manifesta Belén.
Explica Belén que a parroquia de San Pedro de Losón fórmana 28 casas habitadas, a maioría cunha persoa soa e maior. Situación complicada para que os veciños afronten a restauración.