Os praceiros composteláns, expectantes ante posible restricción de tráfico en Virxe da Cerca
Os praceiros composteláns, expectantes ante posible restricción de tráfico en Virxe da Cerca
O Concello de Santiago abre un concurso de ideas para mellor a mobilidade na rúa que discorre preto do mercado de abastos
O tráfico na rúa Virxe da Cerca de Santiago volve ao punto de debate na praza de abastos. Desta volta polo concurso de ideas que ten en marcha o Goberno municipal que suporía crear máis superficies de uso peonil e restrinxir a circulación de coches particulares.
Ramón Barreiro, hostaleiro na praza, salienta que "é un proxecto do que nos falta moita información. É un proxecto que está en cernes. Moi verde, digamos. Hai capacidade para mellora. Temos unha cidade que non está preparada para asumir todo o volume de tráfico que ten".
A achega de ideas non fixo máis que empezar e nin hai data para aplicar posibles modificacións. Unha delas, apuntan desde o Concello, sería a prohibición de tránsito de coches particulares no tramo entre as Trompas e Patio de Madres, agás os que van con destino ao aparcadoiro de Belvís. Unha parte dos praceiros rexeita esa posibilidade.
"Todo depende de como o miremos, pero está mal porque non contaron con nós para nada. Non estou de acordo con iso que queren facer", di Almudena Vega, presidenta da Asociación de Comerciantes.
"Isto é un atraco para a praza. A praza acábase con este negocio que ten aí Xan Duro", afirma o praceiro Rafael Torres.
A comerciante Alicia Multari asegura que na actualidade non hai "ningún atasco. Pode haber dez minutos á saída dos colexios. Non é para facer o que están a pensar facer".
E o empregado da vinoteca do mercado, Jacobo García, di: "Penso que é un posible cambio. De aí a que se faga... Estamos ante un concurso de ideas, algo do que sempre se fala e que van moitos anos falando de como peonalizar. Eu todo o que sexa facer peonil moito tempo paréceme ben e afastar o tráfico da zona vella, pero sempre dando un servizo á praza, aos colexios..., pero de aí a que se faga, non creo que vaia suceder".