Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan as causas do incendio que calcinou varias naves industriais en Mos

Investigan as causas do incendio que calcinou varias naves industriais en Mos

Activouse o Plan Territorial de Emerxencias para mobilizar efectivos de toda a provincia

As lapas calcinaron catro naves e provocaron danos importantes noutras dúas

Evacuaron unha vivenda próxima por precaución pero non se rexistraron danos persoais

O interior dunha das naves devastadas polo lume
G24.gal 27/03/2022 08:25 Última actualización 17:00

O lume industrial declarado esta madrugada no polígono do Rebullón, no concello de Mos, deixa un balance provisional de catro naves calcinadas e outras dúas afectadas. A virulencia das lapas obrigou a Xunta a activar o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA).

Para controlar o lume, mobilizáronse unidades de toda a provincia e do norte de Portugal. No operativo participaron bombeiros do Baixo Miño, O Morrazo, O Salnés, Valença e Vilanova da Cerveira. Tamén efectivos do Ges do Val Miñor e de Mos, ademais de equipos da propia Axencia Galega de Seguridade (AXEGA). 

Os traballos de extinción prolongáronse durante toda a mañá e concentráronse na parte exterior das naves, xa que no interior había perigo de derrubamento. 

A alcaldesa de Mos lamentou as perdas económicas e os prexuízos laborais que poida conlevar o suceso. Nidia Arévalo ofreceulle ás empresas afectadas axuda municipal para a axilización dos trámites.

Por razóns de seguridades, evacuouse unha vivenda próxima pero non houbo persoas afectadas. O lume orixinouse nunha das naves e propagouse con rapidez. Agora, a Garda Civil investiga as causas. 

Mobilizáronse unidades de toda a provincia e do norte de Portugal

Noite longa

O inferno desatábase no polígono do Rebullón, no concello de Mos e preto de Vigo, pasados uns minutos das catro da madrugada. Catro naves industriais cheas de embalaxes, produtos téxtiles e lindeiras cun deposito de combustible estaban ardendo.

O vento e o material do interior das naves espallaba o incendio rapidamente e obrigaba a intervir medios de extinción de toda a provincia de Pontevedra.

A falla de puntos de auga no polígono dificultaba o traballo dos bombeiros, que tiveron que recorrer a dúas cisternas especiais da Axencia Galega de Emerxencias, mais co paso das horas, os equipos conseguían evitar que o lume se espallara ao resto do polígono.

Malia o traballo dos equipos de extinción, varios empresarios viron como as súas instalacións quedaban reducidas a cascallos. En total hai seis naves afectadas, cadro delas moi prexudicadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade