O incendio que arrasa xa máis de 300 hectáreas en Crecente foi provocado
O incendio que arrasa xa máis de 300 hectáreas en Crecente foi provocado
Esta madrugada desactivouse a situación 2, activada pola proximidade das lapas a varias aldeas
Tamén puideron ser intencionados o lume de Entrimo, que Medio Rural deu por estabilizado e queimou polo menos 200 hectáreas, e o que se declarou a pasada noite en Oímbra, xa baixo control
A Consellería do Medio Rural elevaba a pasada tarde a 300 as hectáreas queimadas polo incendio forestal que afecta desde o mércores á noite ao municipio pontevedrés de Crecente.
Os equipos de extinción atoparon probas de que foi intencionado. Os militares da UME sumábanse nas últimas horas á loita contra as lapas.
Comezaron contra as 22:30 horas na parroquia de Filgueira, preto da estrada Cortegada-A Cañiza. Dada a súa proximidade a varios núcleos de poboación, desaloxaron 25 veciños, que volvían onte aos seus domicilios. Medio Rural desactivaba esta madrugada a situación 2.
O incendio de Entrimo calcinou xa 200 hectáreas do Parque Natural do Xurés
O lume de Entrimo (Ourense), que entraba en Galicia desde Portugal, queimou unhas 200 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, segundo os últimos datos da Consellería do Medio Rural. Contra a medianoite dábao por estabilizado.
Orixinouse o martes pola tarde en Portugal e colleu gran virulencia por mor do vento. A Xunta di que efectivos do servizo de extinción colaboraron cos medios lusos desde o primeiro momento. Malia aos esforzos, entraba en Galicia o mércores pola tarde pola parroquia de Venceáns no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Incendio en Oímbra
A pasada noite declarábase un incendio no concello tamén ourensán de Oímbra. As lapas chegaron a estar preto dunha granxa de porcos na que había depósitos de propano. Igual ca os outros dous incendios, todo apunta a que foron provocados, como contaban na Radio Galega os responsables dos servizos de extinción e a propia alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino.
A alcaldesa contaba que, grazas ao traballo dos equipos de extinción, a situación estaba controlada. Ana Villarino falaba dunhas 18 hectáreas calcinadas.