Rescatan ilesos os dous tripulantes dunha embarcación que ardeu na ría de Vigo
Rescatan ilesos os dous tripulantes dunha embarcación que ardeu na ría de Vigo
A Salvamar Mirach localizou a embarcación, que quedou case totalmente calcinada, e subiu a bordo os tripulantes, que foron trasladados sans e salvos ao peirao de Bouzas
Descoñécense polo momento as causas do sinistro
Os dous tripulantes dunha lancha de recreo levaron un bo susto. A pasada noite navegaban polas inmedicacións da illa de Toralla, na ría de Vigo, cando os sorprendeu un incendio que se produciu a bordo. Afortunadamente conseguiron fuxir das lapas e saltar a unha embarcación pneumática auxiliar a remo dende a que alertaron os servizos de emerxencia.
Ata o lugar desprazouse o buque Salvamar Mirach de Salvamento Marítimo, que rescatou os dous tripulantes ilesos e despois sufocou as lapas. Era unha tarefa complicada, xa que se trataba dunha lancha de fibra co motor cargado de gasolina. Polo de agora descoñécense as causas do lume, que deixou a embarcación de recreo totalmente calcinada.
O incendio produciuse ao fío das once e media da noite nas inmediacións da Illa de Toralla, segundo fontes de Salvamento Marítimo, que recibiu a alerta desde o 112 Galicia.
Incendio de madrugada en Isla de Toralla (Vigo). 2 tripulantes abandonan en una neumáticala embarcación con fuego a bordo. Nuestro CCS en Vigo recibe llamada del 112 y moviliza a la Salvamar Mirach, que los localiza en buen estado y traslada a Bouzas. Tras comprobar que el… pic.twitter.com/57PQAMQOjb
— SALVAMENTO MARÍTIMO (@salvamentogob) September 6, 2024
A Salvamar Mirach trasladou os tripulantes sans e salvos ao peirao de Bouzas, a onde chegaron pasada a unha e media da madrugada. Salvamento Marítimo tamén se encargou de remolcar a embarcación calcinada por un incendio cuxa orixe se descoñece polo momento.
Dáse a circunstancia de que a Salvamar Mirach tivo que actuar onte á primeira hora na ría de Vigo, aínda que na zona norte, en Moaña, onde un barco mexilloeiro con tres tripulantes a bordo, que quedaron ilesos, foi a pique tras chocar cunha batea.