Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ánxeles Vázquez: "A partir do 1 de xaneiro emitiremos os informes que nos corresponden na xestión do litoral"

Ánxeles Vázquez: "A partir do 1 de xaneiro emitiremos os informes que nos corresponden na xestión do litoral"

A conselleira de Medio Ambiente denuncia a pasividade do Goberno central no traspaso das competencias recoñecidas na lei do litoral

Critica o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro por se posicionar en contra do proxecto de Altri

G24.gal 16/09/2024 10:54

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, pon data no Galicia por diante á entrada en vigor efectiva da lei do litoral, tras o aval do Tribunal Constitucional. Apunta que a partir do un de xaneiro, o Goberno galego poñerá en marcha todo o necesario para que a comunidade poida desenvolver as competencias recoñecidas na lei do litoral e denuncia a pasividade e os atrancos do goberno central. 

"Agardamos desde hai meses o traspaso de medios persoais e materiais. Estamos avalados polo Tribunal Constitucional e non teriamos que estar agardando. Temos claro que non imos ter expedientes parados máis tempo. Ou nos trasladan persoal para a xestión do litoral ou realizaremos un esforzo  e a partir do 1 de xaneiro emitiremos os informes que nos corresponden na xestión do litoral" apuntou. 

Altri

Vázquez critica as últimas declaracións do líder do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, que nunha entrevista se posicionaba en contra de Altri e expresaba ter dúbidas de que o proxecto cumpra os requisitos técnicos para recibir fondos europeos. A conselleira pídelle "sensatez e seriedade" e que "non mesture a parte técnica coa parte política". 

Lembrou a conselleira que a finais de que remate o ano estarán os dezaoito informes que se pediron sobre o proxecto de Altri e destacou que os que se foron coñecendo foron favorables. Aínda así afirmou que a Xunta será esixente porque "que sexan favorables non quere dicir que a Xunta non poida esixir máis". 

Defende a conselleira o proxecto de Altri e a lei de administración ambiental simplificada que, segundo dixo, podería aprobarse a mediados do ano que vén. 

Parques eólicos

Asegura que na Unión Europea existe preocupación pola paralización de parques eólicos por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e así se trasladou na reunión que mantivo a conselleira, en Bruxelas, co director xeral do Servizo xurídico da Comisión Europea e co director de biodiversidade da Comisión Europea. Apunta Vázquez que "España deixou de ser un lugar seguro para implantarse por esa decisión do TSXG". 

Lembrou que o Goberno galego está á espera de que o TXUE resolva a cuestión prexudicial presentada polo TSXG pero que podería tardar ano e medio en resolverse. Cifra en máis dun cento os parques que se recorreron ante a xustiza e en 64 os que foron paralizados. Advirte a conselleira dos graves prexuízos económicos e medioambientais desta paralización e di estar convencida de que "todo se fixo ben". 

Cuestiona as decisións da sala do TSXG na que está o maxistrado Luis Villares, exlíder da formación En Marea, e di que as resolucións "chaman a atención, creo nas casualidades pero non en moitas". 

Canon de Sogama

Vázquez confía en celebrar esta semana unha reunión coa FEGAMP sobre o canon de Sogama agora que o Goberno galego anunciou que asumirá o 60 por cento da suba que a empresa vai comezar a cobrar aos concellos. Con todo di que "os concellos adheridos a Sogama son os menos prexudicados" e amósase preocupada polos municipios do modelo de Nostián e do Barbanza porque "son sistemas que están fóra da lei. Teñen que dar pasos cara a outro sistema, e se non é o de Sogama, terá que ser o húmido-seco, non porque o diga a Xunta, senón porque o din Europa e o Goberno central". 

Destacou que a reciclaxe aínda é unha materia pendente en Galicia e reclama aos concellos un esforzo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade