Rescatados con vida dous bañistas en dificultades na praia do Vilar de Ribeira
Rescatados con vida dous bañistas en dificultades na praia do Vilar de Ribeira
Participaron unha avioneta, un helicóptero e medios terrestres desde as seis da tarde
Un home que intentaba auxiliar cunha táboa de surf tamén foi rescatado
Era pouco antes das seis da tarde deste sábado cando se despregou na praia do Vilar en Ribeira un amplo operativo de rescate para intentar sacar da auga dúas persoas que estaban en dificultades. A corrente arrastrábaos mar a fóra.
Varios particulares que estaban no areal foron os que deron o aviso ao 112 das dificultades dun bañista, ao parecer, menor de idade, que non era quen de saír da auga ante as fortes ondas na praia do Vilar.
Algunhas persoas mesmo entraron na auga para intentar socorrer sen éxito o rapaz, e unha delas mesmo acabou tamén por ser arrastrada pola corrente. Unha terceira persoa cunha táboa de surf intentaba aproximarse aos afectados, pero tampouco lle era posible.
O traballo conxunto permitiu o rescate das tres persoas, que estaban conscientes e ás que o helicóptero Pesca 1 de Gardacostas de Galicia traslada ao hospital do Barbanza para que reciban atención médica.
Salvamento Marítimo recibiu o aviso e mobilizou a Salvamar Sargadelos, un helicóptero e un avión. No operativo tamén estiveron axentes da Policía local e Nacional, GAEM de Ribeira e Garda Costas de Galicia.
#AXEGAInforma de 3⃣ persoas rescatadas na Praia do Vilar, #Ribeira.
— 112Galicia (@112Galicia) April 8, 2023
Están conscientes e serán trasladadas no Pesca I de @GardacostasGal ao heliporto do Hospital do Barbanza, onde agarda persoal médico.
Finaliza, así, un rescate que reuniu aos seguintes recursos 🧵👇 pic.twitter.com/g2z2Vbpfhb