Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os partidos galegos celebran o Día de Galicia con diversos actos

Os partidos galegos celebran o Día de Galicia con diversos actos

O BNG celebrou a súa tradicional manifestación en Compostela

Os socialistas elexiron de novo Rianxo para o seu acto central, cunha ofrenda a Castelao

A popular Paula Prado participa na ofrenda no Panteón de Galegos Ilustres

G24.gal 25/07/2024 10:13 Última actualización 25/07/2024 14:55

A manifestación do BNG polo Día da Patria é unha cita tradicional cada 25 de xullo, pero desta vez din que chega con forzas renovadas: celébrano en máximos electorais, e reivindicándose como alternativa de futuro.

"O Bloque Nacionalista Galego está de moda e non é unha moda pasaxeira" di a voceira nacional, Ana Pontón. "Temos bases firmes e sólidas para seguir alentando neste país a forza de todas esas persoas que queren conquistar unha Galicia con máis dereitos, con máis liberdades, máis benestar social e máis igualdade", engade.

O nacionalismo galego saíu unido á rúa, coa reaparición do histórico líder Xosé Manuel Beiras tras da faixa de Anova. Milleiros de persoas acudiron á cita para celebrar o orgullo de ser galegos e galegas e reivindicar "a forza deste país", lema da celebración deste ano.

Na celebración do Día da Patria, o BNG tamén quixo enviar as condolencias para as familias das vítimas do naufraxio nas Malvinas, e reivindicar a paz en Somalia, Malí, Ucraína ou Palestina.

Gómez Besteiro defende un galeguismo que non sexa "nin simbólico nin excluínte"

O secretario xeral do PSdeG encabezou a ofrenda floral ante o monumento a Castelao na súa vila natal.

Gómez Besteiro, que estivo acompañado por cargos institucionais e orgánicos da formación, defendeu un galeguismo sen carnés e baseado na sensatez: "Ampla, aberta e sensata. A Galicia que queremos os socialistas non é unha redución simple e vitimista que algúns esbozan permanentemente. O galeguismo como maior expresión de entender e querer convivir á nosa maneira, non pode ser simbólico nin tampouco excluínte", defendeu o líder do PSdeG.

Xa pola tarde, celébrase unha misa en recordo de Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval. A continuación, ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres á que está prevista a asistencia da secretaria xeral del PPdeG, Paula Prado, entre outras autoridades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade