Acusacións cruzadas entre o Goberno e a oposición no concello de Dodro
Acusacións cruzadas entre o Goberno e a oposición no concello de Dodro
O Partido Popular acusa o alcalde de espiar as propiedades do seu portavoz
O rexedor municipal négao e vainos demandar por difamación
Crispación no concello de Dodro e denuncias cruzadas entre o Goberno e a oposición. O PP acusa o alcalde e o PSOE de espiar cun dron as propiedades do seu portavoz. Fixeron esta denuncia a través dunha publicación e un vídeo compartidos nas redes sociais.
Valentín Alfonsín Somoza, concelleiro do PP, explica que é "un vídeo en que se ve unha persoa da lista do Partido Socialista gravando as instalacións privadas da miña empresa", segundo el dende "unha parcela na que non tiña autorización para entrar" e considera que se trara dunha "persecución" contra súa persoa.
O alcalde nega esas acusacións e levará aos xulgados os concelleiros do PP e os veciños que compartiron a publicación por difamación. Xabier Castro Tourís sinala que "non se pode calumniar nin insultar e dicir que por ser alcalde teño que sufrir calquera cousa". Recalca tamén que non ten nada que ver co feito de que o acusan.
Para o PP, estas denuncias tratan de amedrentar os veciños. Vanesa Refojo, unha das veciñas denunciadas, explica que no encontro de conciliación lles dixeron que "se lle pediamos perdón por Facebook, supostamente sacábanos a denuncia, pero eu non me teño que deixar humillar como persoa porque eu non o insultei". Tamén está denunciada María Ángeles González, que non entende esta medida: "Non estamos nunha ditadura para non poder compartir algo que é público".
No acto de conciliación non chegaron a un acordo, e o caso irá a vía xudicial. O alcalde insiste en que emprende a denuncia a título persoal.