Adiántase a chegada das cegoñas a Lugo
Os expertos din que se debe ao cambio climático
Este ano volveu adiantarse a chegada das cegoñas. Din os expertos que se debe á facilidade con que conseguen alimento e ao cambio climático, que trae invernos moito máis suaves.
A cegoña branca prefire o sur da provincia de Lugo para aniñar e escolle zonas húmidas preto de cultivos e prados, como a contorna da estrada vella de Lugo a Sarria.
Segundo a Sociedade Galega de Ornitoloxía nas comarcas de Lugo, Sarria e Terra Chá é onde se concentran o maior numero de cegoñas de Galicia.
Estiman que arredor de 800 parellas aniñan preferentemente en zonas húmidas preto de campos de cultivos. A súa presenza entre nós aumentou nos últimos anos porque lles é doado conseguir alimento e os invernos son cada vez mais benignos polo cambio climático. Todo isto inflúe en que acurten o ciclo migratorio. O dito de que polo San Brais as cegoñas verás xa non é tan así.
"A nosa experiencia indícanos que as cegoñas marchan en agosto e setembro e moitas xa están de volta á metade de outubro como primeira cita, pero o groso volve en novembro e decembro. Agora xa están todas aquí antes do San Brais", di Óscar Rivas, Presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía.
Polo xeral estas aves teñen boa acollida entre a poboación, pero o feito de que aniñen ás veces en propiedades privadas causan algúns problemas que poden ser emendados.
"Na 546 que une Nadela con Monforte hai unha ruta bonita con niños ao pé da estrada. E nada, a verdade é que a min non me molestan para nada. É unha especie convivente con nós", comenta un veciño.
"No caso de que se detecte algún problema de convivencia o que se debe facer é contactar con algún servizo de patrimonio natural de cada provincia e ver que medidas se poden tomar. Unha vez que acabe a cría talvez se pode trasladar o niño", di Óscar Rivas, Pesidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía.
Os últimos anos xa e posible ver cegoñas en todas as provincias galegas, grazas o alto índice de supervivencia da especie.