Adiántase a vendima nas denominacións de orixe ourensás
Adiántase a vendima nas denominacións de orixe ourensás
As datas estimadas polos catro consellos reguladores oscilan entre finais de agosto e principios de setembro
A produción, minguada polo mildio, será semellante á do ano pasado
Os técnicos da cooperativa do Ribeiro comezaron a recoller mostras para ver o grao de maduración así como a calidade das uvas. De aquí a que empece a colleita, farano regularmente, para acertar co momento óptimo para a vendima. Confían en que o rendemento sexa semellante ao do ano pasado, en que colleron 3 millóns de quilos.
Carlos Alberte, director de Viticultura de Viña Costeira: "As leiras que foron tratadas contra o mildio teñen unha boa produción, que se pode incrementar con respecto ao ano pasado, pero hai outras que non teñen ese estado fitosanitario tan óptimo e poden reducir produción".
O maior problema desta campaña foron os fungos, especialmente o mildio, pola combinación de treboadas e calor que se deu nunha fase delicada do ciclo da uva, entre finais de maio e principios de xuño.
Juan Manuel Casares Gándara, presidente do CRDO Ribeiro: "As estimacións iniciais, na segunda quincena de maio, eran espectaculares, de colleita histórica. Pero apareceu o mildio".
A data estimada para comezar aquí a vendima é o 6-7 setembro, pero hai variedades que xa se recollerán en agosto.
Javier González Sabucedo, adegueiro de Ramón do Casar: "Cremos que a finais de agosto, 30-31, ou o 1-2 de setembro, empezaremos a recoller albariño e godello, as variedades que antes maduran".
Finais de agosto e principios de setembro son tamén as datas estimadas polos consellos reguladores da Ribeira Sacra e Monterrei. En Valdeorras, como é habitual, podería adiantarse aínda máis, comezando nalgunhas zonas a partir do 20 de agosto.