Adolfo Domínguez baixa á metade os números vermellos tras perder 9,3 millóns
Adolfo Domínguez baixa á metade os números vermellos tras perder 9,3 millóns
A empresa téxtil destaca a recuperación do negocio tras o primeiro semestre marcado pola pandemia da covid
A firma téxtil Adolfo Domínguez perdeu no exercicio 2021-22 (marzo a febreiro) 9,3 millóns de euros, o que significa un 52 % menos ca as perdas do exercicio anterior.
Con todo, no segundo semestre do ano fiscal, tras o verán a compañía obtivo un ebitda positivo de 6 millóns e un beneficio neto de 1,5 millóns.
O exercicio estivo marcado polas cifras do primeiro semestre, lastrado polos efectos da pandemia da covid. Con todo, despois do verán a firma tivo unha "recuperación da actividade", aínda que con certo impacto no último trimestre da variante ómicron.
A directiva do grupo amosou a confianza en poder "recuperar la senda do crecemento" ao final deste exercicio e con cifras previas á pandemia.
O volume de vendas ascendeu a 92 millóns, un 39,5 % máis ca no exercicio anterior.
A presidenta executiva da empresa, Adriana Domínguez, anunciou cambios no consello de administración e propúxolle á xunta de accionistas a entrada de Antonio Puente como conselleiro executivo e conselleiro delegado, que era un cargo que ostentaba ela mesma.
Tras estes nomeamentos Domínguez seguirá como presidenta do grupo, pero enfocada máis na estratexia e o futuro da empresa.
A empresa aumentou a 348 os puntos de venda, con 24 tendas máis. Destacan desde a dirección de Adolfo Domínguez o incremento do peso internacional, co 53 % dos seus establecementos fóra de España. Con todo, polo momento descartan instalarse nos Estados Unidos.