Afúndese a parte do narcosubmarino da Costa da Morte que aínda aboiaba
Afúndese a parte do narcosubmarino da Costa da Morte que aínda aboiaba
O somerxible afundiuse completamente cando estaba sendo remolcado en dirección ao porto de Camariñas
As embarcacións que participaban no operativo para recuperalo retiráronse da zona, e haberá que agardar a que pase o temporal previsto para este venres
A parte que aínda aboiaba do narcosubmarino localizado este mércores na Costa da Morte afundiuse esta tarde cando estaba sendo remolcado cara ao porto de Camariñas.
Ocorreu contra as dúas e media da tarde. Pouco antes incorporárase ao operativo o remolcador Sebastián de Ocampo do Servizo Galego de Gardacostas. Este buque amarrou un cabo á proa do somerxible e comezou a manobra para arrastralo en dirección ao peirao camariñán. Nun momento, o somerxible afundiuse e as embarcacións que estaban na zona retiráronse.
Segundo explica a Garda Civil nun comunicado estas tarefas "desenvolvéronse con grandes dificultades debido á rotura constante da cadea utilizada na operación". E durante os movementos realizados durante a operación co remolcador provocaron a perda da burbulla de aire que mantiña aboiando o narcosubmarino. Isto ocasionou a entrada de auga no casco, que finalmente afundiuse a aproximadamente 500 metros do porto de Camariñas.
Nestes momentos, ao afundirse completamente a sección restante do submarino, suspendéronse os labores de rescate, xa que este xa non representa un perigo para a navegación. E as operacións de retirada dos restos da embarcación quedan canceladas debido á entrada dun temporal nas próximas horas.
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, explicara pouco antes que durante está xornada a Garda Civil realizara diferentes intentos para tentar trasladar a proa do batiscafo, que é a parte que estaba aboiando.
Ademais, os GEAS mergulláranse para inspeccionar a parte afundida.
Foi o pesqueiro María Cristina, de Laxe, o que este mércores á mañá "localizou un pequeno semisomerxible" e a Garda Civil puxo en marcha un operativo para investigalo, segundo detallou a subdelegada do Goberno.
A embarcación, de 15 metros de eslora, é similar a "outros somerxibles que se detectaron na costa de Galicia para o transporte de droga".
Os mergulladores non atopan nada no interior
Todo apunta a que foi abandonado para afundirse despois de cumprir o seu propósito. De feito, os mergulladores non atoparon nada no interior do somerxible, polo que o máis probable é que se fixese esa descarga e o intentasen afundir despois.
Veciños de Muxía aseguran que na madrugada do martes foise a luz. Unha manobra habitual cando se produce unha descarga para non seren vistos. Un dos indicios máis evidentes da descarga son as marcas de pneumáticos de tractores e pisadas ainda visibles na praia dos Muíños, en Muxía.
Supostamente a droga foi transportada en lancha desde o batiscafo ata esta praia e alí os braceiros terían cargado a droga nos tractores. As investigacións céntranse agora en descubrir o destino da droga e que clan está detrás deste alixo.
"Culminouse unha descarga e nestes momentos haberá investigacións para tratar de esclarecer cal das organizacións foi a receptora da mercadoría", confirmaba Laura Rebollo, xefa de operacións aeronavais do Centro de Coordinación de Vixilancia Aduaneira.