Afúndese un pesqueiro na Pobra do Caramiñal
Afúndese un pesqueiro na Pobra do Caramiñal
Os tres tripulantes foron rescatados ilesos por un bateeiro que traballaba na zona
Un pesqueiro galego naufragou na mañá deste mércores fronte á costa de Pobra do Caramiñal con tres mariñeiros a bordo, que saíron ilesos tras ser rescatados por outra embarcación que traballaba na zona.
Tal como informaron fontes do 112 Galicia, os feitos ocorreron pouco antes das 10:30 horas e foron axentes da Policía Local que se atopaban na zona do Maño os que alertaron os servizos de emerxencia, indicando que un barco envorcara fronte á praia do Areal.
Segundo indicaban os axentes, tres mariñeiros atopábanse no casco do barco. Por iso, púxose en marcha un dispositivo para socorrer os pescadores, que finalmente foron rescatados por un bateeiro que se atopaba próximo ao lugar.
Un deles queixábase dunha dor na perna, polo que foi recollido por un equipo de Salvamento Marítimo. Con todo, finalmente foi trasladado por un barco da mesma armadora para a que traballa a Cambados, sede da empresa. O home indicou que el mesmo iría a un centro sanitario polo seu propio pé.
O 112 Galicia tamén puxo os feitos en coñecemento de urxencias sanitarias, dos Gardacostas de Galicia, da Garda Civil e de Protección Civil.