Agriden un veciño de Mugardos ao tratar de impedir que o roubasen
Agriden un veciño de Mugardos ao tratar de impedir que o roubasen
A vítima, a quen mallaron e roubaron as súas pertenzas, pide que os prendan axiña
A Garda Civil encárgase da investigación
"Agredíronme brutalmente. Un deles estivo durante catro minutos aplicándome a chave do mataleón, mal feita, porque se soubese facela eu desmaiaríame. Pero estivo intentando esganarme ese tempo. Non paraba de dicir que me ía matar e que non ía saír de alí, que el para o cárcere de Teixeiro non volvía".
Así relata a vítima a agresión que sufriu nas súas naves do lugar de Rilo, na parroquia mugardesa de Meá, onde almacena material de traballo.
Todo aconteceu cando, tras ver un coche aparcado na súa propiedade, se achegou á zona, e aquí atopouse primeiro cunha muller e despois con dous homes. "Díxenlles que marchasen e, cando dei a volta para meterme no coche, atacáronme polas costas".
Explica que, malia que foi un dos homes quen o agrediu brutalmente, o outro e mais a muller non ficaron cos brazos cruzados. "Un deume unha patada nas costelas e mil golpes nas sens e ela dicíalle que me roubase o móbil e que me quitase o ouro. Roubáronme dúas cadeas de outro, o móbil, as lentes de sol e ata as chaves do coche".
Aínda dorido, conta que tras a violenta malleira tivo que acudir a urxencias. "O que pido é que os collan porque teño medo a que volvan a por min".
A Garda Civil é quen se encarga agora da investigación para tratar de dar co seu paradoiro e poder prendelos.