Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aguiño celebra o vinte e cinco aniversario da súa Festa do Percebe

Aguiño celebra o vinte e cinco aniversario da súa Festa do Percebe

Este domingo servíronse 900 quilos do marisco 

G24.gal 28/07/2024 16:38 Última actualización 28/07/2024 17:52

A ringleira de persoas á espera de facerse cunha ración de percebes enchía este mediodía o peirao de Aguiño, no concello de Ribeira. É a festa de exaltación gastronómica máis importante da localidade.

Os que andaron aos percebes case toda a vida dinos que os de aquí están especialmente bos porque os collen en piña.

"Se lle quitas o arneiro, a pedra que ten debaixo, alá vai o sabor do percebe", explica Antonio Salero, que foi percebeiro desde rapaz.

Tamén hai que saber cociñalos o tempo xusto e sempre con auga de mar depurada.

"Cando bote a fervura por fóra da pota, xa se pode retirar. É un minuto ou dous minutos o que pode tardar", di Ciprián, percebeiro durante máis de 42 anos.

Este domingo servíronse 900 quilos, a 18 euros a ración.

"A ración leva 350 gramos de percebe apañado na nosa costa e vai acompañado duns cachelos e nun prato precioso que conmemora os 25 anos da festa", detalla Belén Folgar, percebeira en activo. 

Belén andaba nerviosa porque só podía botar unha man e non as dúas. No Nadal caeu apañando percebes e rompeu dous tendóns. Tira de retranca cando lle preguntamos se este marisco é caro. 

"Sorrisos, lágrimas, suor, sangue... Non, non é caro. Nadiña", chancea.

A festa quere ser unha homenaxe ao traballo de risco de homes e mulleres que coma ela nos traen o manxar á mesa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade