Publicador de contidos
Publicador de contidos

Air Europa cancela a primeira conexión de Alvedro con Madrid este luns pola folga de pilotos

Air Europa cancela a primeira conexión de Alvedro con Madrid este luns pola folga de pilotos

No caso de Peinador afectaralle á operatividade os días 25 e 26 de maio coa cancelación das conexións con Madrid, tamén de primeira hora

O SEPLA convocou os pilotos da compañía a oito novas xornadas de folga para os días 22,23,25,26,29 e 30 de maio e o 1 e 2 de xuño

Air Europa cancela 14 voos este luns

G24.gal 21/05/2023 17:03

Air Europa cancelou 14 voos da súa programación prevista para este luns por unha nova folga que secundarán os seus pilotos ata o próximo día 2 de xuño, 

Entre eles está a primeira conexión da xornada entre Madrid e A Coruña, que lle afecta tanto ao voo de ida desde Baraxas das 6:40 horas, coma ao de regreso, previsto desde A Coruña ás 8:35 horas.

A compañía ofrécelles aos pasaxeiros afectados a posibilidade de cambiar de data ou de destino ou de obter un vale polo importe do billete, entre eles na Coruña e Vigo.

O Sindicato Español de Pilotos de Liñas Aéreas (Sepla) convocou as pilotos de Air Europa a oito novas xornadas de folga para os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de maio e o 1 e 2 de xuño, tras as catro que levaron a cabo a principios deste mesmo mes e que se saldaron con 68 voos suprimidos.

Durante estas oito novas xornadas de protesta, os voos cancelados ascenden a 114 e aféctanlles ás rutas nacionais que enlazan Madrid con Bilbao, A Coruña, Palma de Mallorca, Vigo ou Málaga, e as internacionais a Roma (Fiumicino), Milán (Malpensa), París-Orly, O Porto ou Lisboa, ademais da que conecta Barcelona e Palma.

No aeroporto de Vigo a operatividade estará afectada o 25 de maio, coa cancelación da conexión con Madrid, coa ida prevista para as 8:40 horas e o voo de regreso para as 10:40 horas. Ao día seguinte a compañía prevé cancelar a mesma conexión, con saída de Madrid ás 10:40 horas e regreso a Vigo ás 12:35 horas.

A compañía prevé entre 12 e 18 cancelacións por día

Nas cinco primeiras xornadas de folga, así como na do 1 de xuño, a aeroliña deixará de operar 14 voos en cada unha delas, mentres que o día 30 de maio, haberá 18 operacións suprimidas. e o último, o 2 de xuño, un total de 12.

A compañía ofrece tres alternativas aos clientes afectados: a primeira é a posibilidade de cambiar de data na súa mesma cabina para voar nos 30 días posteriores ao do seu voo orixinal e na mesma ruta.  As outras dúas son cambiar de ruta a outro destino operado por Air Europa dentro dos 3 días anteriores ou posteriores á data orixinal do seu voo ou gardar o importe do billete para usalo como crédito nunha compra futura para calquera aeroporto operado pola aeroliña.

Motivos da folga para o Sepla

O Sepla asegura que a folga responde "á tensión e ao conflito laboral xerados polos directivos de Air Europa ao xogar cos dereitos dos traballadores, disfrazando como propostas o que supón unha perda real dos dereitos laborais adquiridos no IV convenio colectivo".

Os pilotos "séntense discriminados pola empresa, xa que é o único colectivo laboral afectado por este modo de actuar da aeroliña nas distintas negociacións que mantivo de revisións salariais".

Mentres se mantén o conflito cos pilotos, a negociación entre Air Europa e os sindicatos dos seus tripulantes de cabina de pasaxeiros (TCP) chegou a bo porto, ao alcanzarse o 18 de maio un preacordo de convenio, que recolle unha suba salarial acumulada en tres anos, entre 2023 e 2025, do 11,93 %, e que agora se someterá á ratificación dos traballadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade