Alcaldes de concellos que atravesa a AP-9 piden bonificacións nas peaxes
Alcaldes de concellos que atravesa a AP-9 piden bonificacións nas peaxes
Propoñen crear unha fronte común para que custen menos aos veciños
Alcaldes dos concellos polos que pasa a AP-9 queren rebaixar as peaxes. Propoñen crear unha fronte común para que custen menos aos veciños que viven nos concellos que atravesa. Conseguir, din, o que xa fai o Estado no Levante.
"Alí teñen determinadas bonificacións ben en xeral para todos os veciños, tamén para as familias numerosas ou persoas con determinado tipo de rendas baixas", di o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso.
Os alcaldes levan anos pedindo de xeito individualizado rebaixas e a mesmo a gratuidade.
María Barral, alcaldesa de Betanzos mantén que a meta é "a supresión. Non só descontos. A supresión da peaxe da AP9 para toda a contorna".
Desde Fene o seu alcalde, José Trigo, considera que "calquera rebaixa é boa. E cremos que é interesante que se faga forza desde a Fegamp".
Está pendente unha xuntanza dos alcaldes para achegar posturas e ver se xuridicamente é posible. E non renuncian a seguir loitando para que sexa de balde para todos.
Sería a segunda fronte común destes concellos, que xa conseguiron aumentar os ingresos nas arcas municipais eliminando a bonificación do IBI a Audasa.