Alcaldesas españolas visibilizan na Coruña o liderado feminino no poder local
Alcaldesas españolas visibilizan na Coruña o liderado feminino no poder local
O liderado feminino apenas representa o 21 % nas alcaldías de España
Na axenda das alcaldesas está o impulso de políticas para que a igualdade real sexa efectiva en todos os eidos da sociedade
Alcaldesas españolas de ideoloxías políticas diversas asinaron na Coruña a Declaración de María Pita. O seu compromiso: visibilizar o liderado feminino que apenas só representa o 21 % nas alcaldías de España.
"Iso segue a ser unha materia pendente porque a conciliación para nós non foi compartir, senón sumar, sumar unha tarefa mais, sumar un traballo máis", afirma a alcaldesa de Allariz (BNG). Engade a alcaldesa de Xixón, Ana González (PSOE), que "cando o que está na alcaldía é un compañeiro varón non se pon en dúbida porque segue ese tópico de que eles saben e teñen autoridade, mentres nós somos autoritarias".
No Encontro de Alcaldesas tamén se salientou a incorporación da muller a postos de decisión como un novo xeito de xestionar o público. Sinala Amalia del Campo, alcaldesa de Barakaldo (PNV), que "a nosa cidade está a vivir unha segunda transformación que é sobre todo unha transformación social e sen dúbida que traballar nunha construción dunha sociedade máis igualitaria é o gran reto que temos por diante". "Somos máis mulleres na Corporación municipal que homes e temos esa sensibilidade. Non é que sexamos mellores alcaldesas por ser mulleres, pero si é verdade que temos unha tendencia maior ao diálogo e ao entendemento", apunta Noelia Arroyo, alcaldesa de Cartaxena.
"Como ben dixemos hoxe, cando unha muller avanza, ningún home retrocede, e cando unha muller avanza, avanzamos todas con ela", conclúe Inés Rey, alcaldesa da Coruña e anfitrioa do I Encontro de Alcaldesas.
Na axenda das alcaldesas está o impulso de políticas para que a igualdade real sexa efectiva en todos os eidos da sociedade.