Os termómetros chegan aos 40 graos nalgúns puntos da comarca do Ribeiro
Os termómetros chegan aos 40 graos nalgúns puntos da comarca do Ribeiro
Tamén houbo altas temperaturas na zona de Valdeorras
Na provincia de Ourense viviuse este domingo un episodio de calor extrema e estiveron en situación de aviso laranxa durante case oito horas na bacía do Miño, onde se acadaron os 40 graos.
Na comarca do Ribeiro as rúas quedaron desertas e as beiras dos ríos ateigadas de bañistas que tentaban refrescarse.
Unha das mellores opcións para combater as vagas de calor no verán é pasar as tardes no cine. O aire acondicionado do de Leiro fai aínda de máis reclamo que as propias películas.
"Si, mellor no cine que dando voltas no coche".
"Vai máis calor no río que aquí".
"Co aire acondicionado, dentro é onde mellor se está".
Outros optan por pasar estes días de altas temperaturas nas beiras dos ríos. No Ribeiro hai leitos abondo para elixir onde darse un baño e cunha temperatura óptima na auga e baixo as árbores.
"A auga está a boa temperatura e apetece meterse nela".
Pero tamén hai quen está máis afeito a tanta calor e aguanta as altas temperaturas coa mellor das disposicións.
"Á noite baixa a calor e está todo moi verde. Mellor que en Madrid".
A situación de alerta laranxa estendeuse entre a unha da tarde e as nove da noite en todo o Ribeiro e tamén se acadaron temperaturas por riba dos 35 graos na comarca de Valdeorras.