Preocupación na rúa tras a incautación casual de fentanilo en Culleredo
Preocupación na rúa tras a incautación casual de fentanilo en Culleredo
A Garda Civil investiga a súa procedencia, pero non considera que haxa motivos para a alarma
A incautación casual de 25 microgramos de fentanilo, que correspondían a doses de medicamento, a un veciño de Culleredo que foi detido pola Garda Civil acusado de tráfico de drogas espertou a alarma na rúa.
"Preocuparía se chega porque cambiaría a forma de vivir de moitos e acabaría tamén con moitos". "Preocupa porque creo que é moito máis forte que a heroína".
O certo é que ten unha potencia 50 veces máis forte que a heroína e 100 veces maior que a morfina.
"Pode crear moitos problemas, pero si é certo que nestes momentos non temos pacientes que acudan aquí por este tema", explica Mayte Lage, psicóloga de Aclad.
A excitación, o atordamento ou unha falsa sensación de relaxación ou benestar son algunhas das consecuencias que derivan do consumo do fentanilo.
"Hai xente que estivo a tratamento e que lle custa deixalo. Pero hai tratamentos, como a metadona que axuda a desintoxicar. Pero son casos que se contan cos dedos da man. Na rúa non temos constancia de que se estea consumindo", engade Mayte Lage.
Desde a Garda Civil non consideran que haxa alarma, pero aseguran que seguirán moi pendentes da súa evolución.