Altas temperaturas, sobre todo nocturnas, nun mes de xaneiro que non semella inverno
Altas temperaturas, sobre todo nocturnas, nun mes de xaneiro que non semella inverno
Moitas cidades galegas chegarán aos 18 graos e mantense a previsión de chuvia
A semana comeza en Galicia como rematou a anterior, con chuvia pero sen frío. En varios puntos da costa de Pontevedra, como en Marín, a mínima foi de 16 graos esta noite, e na mariña lucense non baixaron dos 14 graos. O panorama vai ser moi semellante durante toda a semana, con pouca oscilación térmica entre as mínimas e as máximas.
Se non fose pola chuvia, hoxe sería unha xornada de mangas de camisa nas rúas de Vigo. Non vai frío, sobre todo pola noite, en que a temperatura mínima foi 12 graos. Valores moi suaves para estar en pleno inverno, pero que os paseantes agradecen.
"A temperatura é moi boa, camiñando non hai problema. Se chove e non vai vento, lévase de marabilla". "Pasamos dos tres graos a 16 en nada. Sobra todo...". "Hoxe pola mañá erguémonos a 15 graos, o tempo tamén ten moito que ver conque hai aire do sur. No hai quen entenda, pero que chova, que chova, que estamos en inverno", son algúns dos comentarios que se escoitan pola praia de Samil.
O que está claro é que nunca chove a gusto de todos: "Un pouquiño máis de frío agradecíase, sobre todo para ir camiñando por aquí"; "A humidade é o que máis me fastidia a min. A temperatura é boa, e con esta humidade aínda se nota máis no corpo, e a min non me gusta nada suar", din outros paseantes.
Xa mañá, o achegamento da borrasca Irene poderá traer ventos fortes do sur, amais de chuvias intensas, pero mantendo as temperaturas moi suaves, con moi pouca oscilación térmica e mesmo un chisquiño máis altas.