Alumnos de Rianxo, Croacia e Irlanda fichan 81 especies ameazadas
Identifican flora e fauna ameazada polo home e o cambio climático
Estudantes de secundaria de Rianxo, Croacia e Irlanda están a documentar 81 especies ameazadas polo home e o cambio climático. Estes días reúnense en Galicia para intercambiar experiencias e deixan imaxes rechamantes como a que vimos no areal da Pobra.
Lauren, unha estudante irlandesa, dinos que a contaminación dos ríos ameaza o salmón salvaxe na súa terra.
Mía, de Croacia, teme que a sobrepesca acabe co camarón no seu país.
E Marta, de Rianxo, pon o foco nunha ave autóctona.
No marco do programa Erasmus Plus contra o cambio climático, estes estudantes localizan as especies, detectan os riscos e publican as fichas en revistas de divulgación. Hoxe pintan os seus nomes con algas, para filmados desde o aire e chamar a atención do perigo que corren.
Ramón Veiga, director do Instituto Félix Muriel de Rianxo, explica que é un xeito singular de concienciar a sociedade.
Herbas de namorar, sapoconchos ou lirios do monte, tan fráxiles como os nomes que se escriben na area, condenados a desaparecer se ninguén o impide a tempo.