Alumnos dun colexio de Pontevedra reforestan con 300 árbores o monte da Fracha
Alumnos dun colexio de Pontevedra reforestan con 300 árbores o monte da Fracha
Estudantes do CEIP Vilaverde de Tomeza traballan no que será o Bosque Encantado nunha área castigada polos incendios
No monte da Fracha en Pontevedra medran desde hoxe 300 árbores autóctonas mais. Plantáronas os alumnos do CEIP Vilaverde, que participaron nun programa de reforestación promovido pola ONG Fuertes Razones, co financiamento dunha empresa de xestión de residuos, a comunidade de montes de Tomeza e a Concellería de Medio Ambiente de Pontevedra.
Este espazo privilexiado, no monte da Fracha, con espectaculares vistas á ría de Pontevedra, será o Bosque Encantado. Un proxecto de reforestación dunha área, recentemente castigada polos incendios.
A idea partiu da ONG Fuertes Razones que gañou a convocatoria que cada ano promove a empresa de xestión de residuos PreZero e os seus empregados que doan parte da súa nómina para proxectos deste tipo.
Os cativos plantaron cadansúa árbore. Bidueiros, piñeiros, carballos e sobreiras. Para algúns non era un labor descoñecido, hainos que son expertos horticultores.
Foi unha clase práctica amena e moi efectiva para afondar na súa concienciación medioambiental A de hoxe foi a terceira e última xornada de plantación. O Bosque da Esperanza ten 3 hectáreas onde en breve medran as 300 árbores que levan o selo destes cativos.